A Xunta constitúe a rede de orientación, unha nova estrutura de apoio educativo con 32 colexios que exercerán de coordinadores no conxunto de Galicia

Contará con novos docentes adicados a desenvolver actuacións específicas de apoio e seguimento ao alumnado más vulnerable desde o punto de vista educativo, ao tempo que colaborar coas familias e a contorna

A iniciativa conta cun investimento de 7,7M€ no marco do Plan Recupera

Dom, 24/10/2021 - 14:14
ed

Os centros educativos galegos contan desde este curso cunha nova ferramenta de apoio, para o seguimento e axuda ao alumnado con maiores dificultades desde o punto de vista educativo e familiar. Trátase da Rede de Orientación Persoal e Familia de Galicia que quedou constituída esta semana nunha xuntanza presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na que participaron coordinadores e equipos directivos dos 32 centros que exercerán de dinamizadores nas súas respectivas áreas.
A rede disporá de 32 novos docentes -a razón dun por cada centro coordinador- para atender as necesidades de reforzo do alumnado doutras tantas zonas, tendo en conta a singularidade do alumnado do rural. Cada un destes docentes será responsable dunha Unidade de Acompañamento e Orientación persoal e familiar.
A Xunta de Galicia destina un orzamento de máis de 7M€ á posta en marcha desta iniciativa específica que se enmarca dentro do Plan Recupera para blindar a calidade do sistema educativo e evitar que ninguén se quede atrás, sobre todo tendo en conta o contexto de pandemia vivido.

Apoio educativo e familiar ao alumnado máis vulnerable

No caso da Rede de Orientación Persoal e Familia de Galicia, a súa tarefa céntrase en desenvolver actuacións específicas de apoio e seguimento ao alumnado más vulnerable desde o punto de vista educativo, ao tempo que colaborar coas familias e a contorna.

A rede está integrada por 32 centros públicos de Infantil, Primaria e Secundaria que exercerán de coordinadores para o resto dos centros educativos da súa área xeográfica de influencia, tal e como se pode consultar no Portal Educativo.

Ademais, co fin de atender á área xeográfica que lle corresponda e favorecer a mobilidade e o desprazamento dos profesionais, en cada un destes centros constituirase unha unidade de Acompañamento e Orientación persoal atendida por unha persoa coordinadora do grupo dos 32 docentes novos que se incorporan.

Estes docentes -a razón dun por centro da rede- serán os encargados do desenvolvemento de actuacións de apoio e seguimento ao alumnado que o precise. A súa función será a de complementar a actuación ordinaria dos centros educativos da súa área, sobre todo atendendo ás situacións máis delicadas, e sempre en coordinación cos orientadores dos centros. Tamén se realizarán labores de acompañamento ás familias, ofrecéndolles recursos para unha maior implicación nos procesos educativos dos seus fillos.

Esta Rede de Orientación Persoal e Familiar de Galicia servirá tamén de apoio e reforzo ao labor dos máis de 4.000 profesionais adicados á orientación e o reforzo educativo que diariamente están traballando de xeito ordinario nos centros educativos galegos.