A Consellería de Cultura, Educación e Universidade xestionará o orzamento máis elevado da súa historia, cun incremento de máis do 20% en investimentos

O conselleiro explica que, no que atinxe ao eido educativo, as contas de 2022 permitirán afrontar os novos retos de futuro en ámbitos como a innovación e as tecnoloxías, as destrezas lingüísticas e a atención á diversidade e a inclusión

Sinala que a cidade de Lugo concentra “o maior esforzo inversor” en infraestruturas educativas de toda Galicia, con 8,26M€ en actuacións en marcha e outros 4,6M€ comprometidos ata 2024

Destaca tamén a aposta pola preservación do patrimonio cultural con actuacións clave na Muralla, na Catedral e nas igrexas de Santa Eulalia de Bóveda e de San Pedro

O Campus Terra contará cunha achega extraordinaria tras a acreditación de especialización nos ámbitos vencellados ao medio ambiente e recursos da terra

Mar, 19/10/2021 - 12:50
m

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai xestionar o vindeiro ano o orzamento máis elevado da súa historia, dotado con case 2.753M€ e cun crecemento do 20% nas partidas de investimentos, segundo avanzou hoxe o conselleiro Román Rodríguez nunha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes en Lugo.

No que atinxe ao eido educativo, estes orzamentos -que onte foron aprobados polo Consello da Xunta como paso previo á súa tramitación parlamentaria- permitirán, sobre todo, afrontar os novos retos da educación do futuro centrados no desenvolvemento de destrezas e competencias en ámbitos como a tecnoloxía e a innovación, o plurilingüismo e a atención á diversidade e a inclusión.

Así o explicou esta mañá Román Rodríguez, quen dixo que logo unha década de posta en marcha de proxectos específicos “que consolidaron o noso sistema educativo como un referente de calidade” avalado por informes como PISA e do Ministerio de Educación, agora toca “dar un novo salto na excelencia” e engadiu que “os Orzamentos 2022 proporciónannos as ferramentas para acadar este reto no que xa estamos a traballar de cheo”. Neste senso cómpre lembrar iniciativas que xa se están implementando ou a piques de arrancar como a Estratexia de Educación Dixital 2030, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o Plan de Linguas, o Plan de modernización da FP ou a Estratexia de Inclusión e Atención á Diversidade para os vindeiros anos.

Román Rodríguez fixo este avance das contas do seu departamento con motivo dunha visita ao CIFP As Mercedes, en Lugo, unha cidade na que a Consellería tamén está concentrando o maior volume inversor nestes momentos. “A cidade de Lugo -subliñou o conselleiro- é a zona educativa con máis proxectos de obra previstos de toda Galicia”, con actuacións en marcha por importe de 8,26M€ (como o recen inaugurado novo Sagrado Corazón) e outros comprometidos por importe de 4,6M€ ata 2024 que abrangue a rehabilitación integral de dous colexios (o Paradai e o Anexa) e de tres institutos (Ánxel Fole, Lucus Augusti e Ollos Grandes). A isto sumarase tamén a conversión da actual Facultade de Formación do Profesorado nun novo instituto.

Ademais, no eido universitario, o Campus Terra contará cunha achega económica extraordinaria, a través dun convenio coa Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia, tras a acreditación como campus de especialización nos ámbitos vencellados ao medio ambiente e os recursos da terra.

Ademais dos investimentos educativos, Román Rodríguez subliñou a “importante aposta pola preservación e rehabilitación do noso patrimonio cultural”, que no caso de Lugo se concreta en importantes intervencións na Muralla, na Catedral (cunha quincena de actuacións a través do Plan Catedrais que suman preto de 7M€) ou actuacións de gran calado en Santa Eulalia de Bóveda e na igrexa de San Pedro, así como o compromiso de crear unha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea na cidade.

Finalmente o conselleiro incidiu en que estes serán os orzamentos “da recuperación económica” logo de case dous cursos escolares marcados polas restricións derivadas da pandemia e que agora, “grazas á vacinación e a grande responsabilidade amosada polo conxunto da comunidade educativa, podemos vislumbrar un horizonte máis esperanzador, aínda que sempre sendo cautos e sen baixar a garda en ningún momento”, concluíu.