A Xunta abre o prazo para incorporar 25 novos centros ao programa ‘Biblioteca Creativa’, de estímulo da investigación nestes espazos
O pasado curso participaron un total de 102 colexios e institutos de toda Galicia
A Xunta de Galicia vén de publicar no Portal Educativo a convocatoria para incorporar 25 novos centros ao programa Biblioteca Creativa, de estímulo da investigación nestes espazos. O pasado curso 2020/2021 participaron nesta iniciativa un total de 102 colexios e institutos de toda Galicia, que poderán solicitar continuar no programa.
A actividade enmárcase no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) para o período 2021-2025, a folla de ruta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para converter estes espazos en centros creativos de aprendizaxe nos que, ademais de fomentar a lectura, se fortalece a alfabetización informacional do alumnado e se promova o uso das novas tecnoloxías como ferramenta interdisciplinar de aprendizaxe.
No caso concreto de Biblioteca Creativa, o programa supón a dotación, dentro da biblioteca escolar, dun espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e profesorado os recursos e materiais axeitados. A través del estimularase a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de diferentes actividades. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.
Dotación de recursos
Poderán participar nesta iniciativa os centros públicos de Infantil e Primaria integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) en cursos anteriores ao actual. Os que sexan seleccionados recibirán unha asignación económica destinada á dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca escolar, cos materiais necesarios para a posta en marcha da iniciativa.
Os 102 centros que xa forman parte de Biblioteca Creativa poderán solicitar a súa renovación no programa. No caso dos que leven con un ano e dous anos no programa, a asignación destinarase á adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma colaborativa. Nos centros con tres anos de experiencia, irá destinada á formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual, a experimentación, a programación etc., impartidos por profesionais ou persoas experimentadas en cada ámbito.
O centros con catro anos de presenza no programa recibirán unha asignación para a formación do alumnado coa realización no propio centro de obradoiros e actividades relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030; mentres que os que teñan cinco anos de experiencia deberán destinala á formación das familias coa relación de obradoiros arredor das actividades que se desenvolven no espazo creativo da biblioteca.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 29 de outubro. Os centros interesados poderán facelo mediante un formulario aloxado na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia, a través da persoa responsable da dirección do centro.