A Consellería de Educación convocará as axudas ás ANPAS que xestionan comedores escolares unha vez remate o proceso de xustificación de gastos do pasado curso

As Asociacións de Nais e Pais están aínda a presentar a documentación correspondente ás axudas do curso 2010/2011

A Consellería convocará unha nova partida de axudas que cubran o curso 2011/2012 desde setembro a xuño

Xov, 17/11/2011 - 18:35

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará unha nova orde axudas ás Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) que xestionen comedores escolares, unha vez remate o proceso de xustificación de gastos do pasado curso.

Neste momento as ANPAS están aínda presentando perante o departamento educativo da Xunta de Galicia a documentación requirida pola orde de axudas do curso 2010/2011 para dar conta do uso das achegas percibidas ao abeiro desta convocatoria.

Unha vez rematado este proceso, a Consellería publicará unha nova orde de axudas para cubrir os gastos dos comedores escolares xestionados polas ANPAS no período que abrangue de setembro a xuño, tal e como se vén facendo anualmente.

Cómpre lembrar que a obriga da Administración é xestionar os recursos públicos coa máxima responsabilidade, o que fai necesario levar conta da correcta xustificación dos gastos da convocatoria do pasado curso. Respecto da diminución do orzamento das axudas desde 2011, cabe recordar que isto se debe a que parte das axudas que se daban ás ANPAS son agora xestionadas a través de convenios con Concellos para a xestión de comedores escolares.

En todo caso a Consellería continuará a prestar o seu apoio ás ANPAS que xestionan este servizo complementario, de gran importancia para a conciliación da vida familiar e laboral.