A Consellería de Educación e o Concello de Santiago colaborarán para a xestión de 11 comedores escolares da cidade
O conselleiro e o alcalde asinaron un protocolo de intencións ao abeiro do cal se establecerá un convenio entre ambas entidades
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o alcalde de Santiago de Compostela, Gerardo Conde Roa; asinaron hoxe un protocolo de intencións para a xestión do servizo de comedor escolar en 11 centros escolares da cidade, co fin de garantir a prestación deste servizo.
Desta forma a Consellería de Educación dá resposta a unha demanda da comunidade educativa santiaguesa, que solicitaba o mantemento deste servizo, de gran importancia para a conciliación da vida laboral e familiar.
Tras a sinatura deste protocolo de intencións elaborarase un convenio no que se estipulen os termos para a colaboración entre ambas as dúas entidades.
Colexios implicados
Ao abeiro do futuro convenio, a Consellería de Educación colaborará co Concello de Santiago de Compostela cunha achega económica para a xestión dos comedores dos CEIP Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Cardeal Quiroga Palacios, López Ferreiro, Roxos-Villestro, Monte dos Postes, Pío XII, Mestre Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite I e Raíña Fabiola.
Pola súa parte o Concello comprométese á prestación do servizo de comedor, a distribución e reparto dos menús entre os comensais, así como a facer a vixilancia, asistencia e coidade dos alumnos durante a utilización do comedor. Ademais a entidade local levará a cabo a contratación da prestación do servizo de comedor escolar para cada un dos 11 colexios.
Con este acordo Consellería e Concello dan mostra do seu compromiso coa comunidade educativa de Santiago de Compostela, especialmente no que toca ás actuacións impulsadas a prol da conciliación entre a vida escolar a o traballo das familias da cidade