Feijóo destaca o inicio do curso cunha FP consolidada, sinónimo de competitividade e empregabilidade e coa vista posta nunha nova estratexia para afrontar os retos futuros

Avanza que os obxectivos desta nova folla de ruta serán, entre outros, potenciar a rede de centros referentes; seguir conformando unha oferta flexible e adaptada ás demandas do tecido produtivo; e reforzar a colaboración co tecido empresarial

Incide en que esta modalidade de ensinanza foi unha das principais apostas do Goberno galego na última década, cun crecemento do 74%, contando na actualidade con 23 centros integrados de FP, 58 ciclos plurilingües ou 13 másteres centrados en áreas como a intelixencia artificial, o big data ou a ciberseguridade

Resalta que a FP Dual acadará neste curso a cifra récord de 163 ciclos para formar a máis de 2.000 alumnos

Mér, 15/09/2021 - 20:21

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o inicio do curso cunha Formación Profesional consolidada, sinónimo de competitividade, empregabilidade e adaptación á contorna laboral, e coa vista posta nunha nova estratexia para afrontar os retos futuros e poñer novas metas.

Ao respecto, avanzou que os obxectivos desta nova folla de ruta serán, entre outros, potenciar a rede de centros referentes neste ámbito; seguir conformando unha oferta flexible e adaptada ás demandas do tecido produtivo; e reforzar a colaboración co tecido empresarial.

Logo de recordar que hoxe comezan a súa andaina 209.000 estudantes de ESO, Bacharelato, ensinanzas de réxime especial e FP, Feijóo subliñou durante unha visita ao Centro Integrado de FP Ferrolterrra que a Formación Profesional continúa a medrar en Galicia, coa previsión de acadar a cifra récord dos 60.500 alumnos, case 3.000 máis que no curso 2020-2021, é dicir, un incremento do 5,2%. De feito, desde o curso 08/09, cando había 34.746 alumnos, o crecemento é do 74%.

Nesta liña, incidiu en que esta modalidade de ensinanza foi unha das principais apostas educativas do Goberno galego na última década, lembrando, a modo de exemplo, que se fai doce anos só había 11 centros integrados de Formación Profesional, hoxe chegan a 23. “Cuadriplicamos o número de viveiros de empresa nestes centros, cuns 26; pasamos de non ter ningún ciclo plurilingüe a ter 58; puxemos en marcha os másteres FP, con 13 titulacións centradas en áreas como a intelixencia artificial, o big data, o desenvolvemento de videoxogos, o mantemento de vehículos híbridos ou a ciberseguridade; ademais de poñer en marcha a FP Dual que, cunhas taxas de inserción laboral que superan o 92%, neste curso acadará a cifra récord de 163 ciclos para formar a máis de 2.000 alumnos”, engadiu.

En relación á Ferrol, o titular da Xunta precisou que a cidade conta con 9 centros que imparten ensinanzas de FP, con máis de 80 ciclos -15 deles relativos á FP Dual-, e con catro másteres.

Feijóo concluíu resaltando o compromiso da Administración autonómica coas infraestruturas educativas da comarca. Ao respecto, confirmou un orzamento de 5 millóns de euros para levar acabo, entre outras obras, a ampliación do CIFP Ferrolterra e as rehabilitacións integrais do CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte, o CEE Terra de Ferrol e o IES Catabois; unha dotación que se sumará aos 13 millóns de euros investidos desde 2009 nesta materia.