Feijóo avanza un Fondo de Reserva de Garantía Educativa reforzado ata os 10 M€ para os gastos derivados dos protocolos covid e posibles continxencias na saída da crise sanitaria
Subliña o compromiso de poñer á disposición as medidas de seguridade necesarias nun curso con máis esperanzas grazas á vacina, pero no que aínda se precisan ferramentas para poder convivir coa covid
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Fondo de Reserva de Garantía Educativa incrementarase en máis dun 40% ata os 10 millóns de euros, mantendo a finalidade dos 7 millóns de euros no curso pasado e reforzándose para atender posibles continxencias da saída da crise sanitaria.
Durante unha visita ás instalacións do novo CEIP Plurilingüe Cruceiro de Sanxenxo, Feijóo recordou que hai un ano a Administración autonómica marcouse como meta garantir a continuidade do ensino cunha presencialidade nas aulas, ao longo de todo o curso; lograr que ningún alumno quedase atrás poñendo á súa disposición todos os recursos necesarios; e blindar as aulas como espazos seguros. E para logralo, precisou, o Comité Educativo, co aval do Comité Clínico, puxo en marcha plans de continxencia deseñados polos centros e protocolos específicos, ademais de plans para atender as especiais circunstancias como os relacionados co ensino virtual, coa atención ao alumnado vulnerable ou co benestar emocional; referíndose, tamén, á posta en marcha do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191 millóns nesta lexislatura, para adaptar os centros ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.
“En total destináronse 162 millóns de euros adicionais para garantir o bo funcionamento do curso pasado, aos que se sumaron sete millóns do Fondo de Reserva de Garantía”, dixo, reiterando o compromiso de poñer á disposición as medidas de seguridade necesarias nun curso con máis esperanzas grazas á vacina, pero no que aínda se precisan ferramentas para poder convivir coa covid.
Nesta liña, o titular da Xunta subliñou que ademais do incremento deste fondo, contarase cun protocolo covid coñecido polas familias e os centros desde o pasado 9 de xullo e con 1.250 profesores de apoio a través do Plan Recupera. Un esforzo que, abundou, acredita o compromiso de poñer á disposición as medidas de seguridade necesarias e mellorar constantemente as infraestruturas.
Sobre este punto, referiuse a este novo centro que, tras un investimento de 4,5 millóns de euros, está adaptado aos requirimentos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Con capacidade para 450 alumnos, o novo edificio conta con aulas con divisións móbiles que permitirán adaptar os espazos con flexibilidade, en función das circunstancias e atendendo ao contexto covid.