A Consellería de Educación participa no XXXI Congreso da Asociación Nacional de Inspectores de Educación
O director xeral Jose Luis Mira desenvolve o relatorio ‘A educación permanente en Europa: obxectivos e actuacións’
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de participar no XXXI Congreso da Asociación Nacional de Inspectores de Educación, celebrado en Sevilla, un encontro no que o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, fixo unha análise das iniciativas levadas a cabo en Europa desde a Estratexia de Lisboa 2010 ata a actualidade.
No relatorio desenvolvido, baixo o título ‘A educación permanente en Europa: obxectivos e actuacións’, o director xeral puxo a énfase na necesidade de ampliar unha oferta diversificada de cualificacións á poboación, sobre todo con recoñecemento laboral, na necesidade de promover a autonomía responsable dos centros cunha avaliación permanente dos resultados e dos recursos usados, e no papel activo que debe xogar a Inspección Educativa.
O director xeral lembrou ademais durante a súa intervención que a aprendizaxe permanente foi aceptada a nivel europeo como unha dimensión necesaria da política xeral europea, fundamental para promover a empregabilidade, para a cohesión social e para o benestar dos seus cidadáns. “Desde a Estratexia de Lisboa desenvolvéronse diferentes documentos teóricos, tales como o Memorándum para a aprendizaxe permanente, acordos e indicadores concretos para comprometer a acción dos países membros e das institucións europeos na mellora dos perfís formativos dos europeos e europeas”, dixo.
Ademais, o representante da Consellería sinalou como algúns dos fitos neste proceso a aplicación do Proceso de Lisboa en España, o desenvolvemento do Programa de Aprendizaxe Permanente (2007-13), o Marco Común Europeo das Cualificacións para a Aprendizaxe Permanente, ou a Estratexia de Formación e Educación 2020, entre outros.
Coa participación neste congreso reafírmase o compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa función da Inspección Educativa como garante da calidade do sistema de ensino.