A autoavaliación e o papel actual das Bibliotecas Escolares centran os debates da última xornada do Congreso ‘En Tránsito’
O director xeral de Centros, Jose Manuel Pinal, preside a clausura do encontro
O encontro remata coa lectura dun documento das achegas realizadas nestes 3 días polos máis de 500 expertos de diferentes Comunidades Autónomas asistentes
O congreso ‘Bibliotecas Escolares en Tránsito 2011’ chega hoxe á súa última xornada, na que se abordará a achega destes espazos para a mellora da competencias en información do alumnado, así como a presentación dunha ferramenta de autoavaliación das bibliotecas dos centros educativos.
El director xeral de Centros y Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal, preside hoxe o acto de clausura deste encontro, no que máis de 500 expertos de diferentes Comunidades Autónomas puxeron en común experiencias e boas prácticas desenvolvidos nas bibliotecas para potencialas como centros de aprendizaxe, así como as diferentes iniciativas postas en marcha para o fomento do hábito lector para impulsar o éxito escolar.
Na súa intervención Pinal aproveitou para destacar a calidade dos relatores, ao tempo que lles agradeceu a súa colaboración e asistencia a este congreso. Ademais o director xeral salientou a importancia do labor desenvolvido polos docentes nas bibliotecas escolares. “Respírase entre vostedes o amor polos libros, o desexo de que o seu alumnado poida contaxiarse dese amor e se convertan en lectores capaces e usuarios eficientes e críticos da multitude de fontes de información ao seu alcance”, dixo.
Doutra banda Pinal apostou por continuar a apoiar as bibliotecas como espazos para a aprendizaxe, adaptados aos novos tempos. “Durante estes tres días, o lema do congreso, ‘Bibliotecas escolares en tránsito’ foi o noso horizonte, marcando un percorrido, un traxecto, un necesario cambio dunha etapa a outra, para adaptarse á vertixinosa e constante transformación do mundo da comunicación. O noso alumnado, nativo dixital, esíxenolo. Require que os centros educativos nos que se forman integren os novos recursos e espazos que se vaian creando. Só desta forma a escola poderá estar á altura do que a historia e a sociedade esperan dela”.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza, conxuntamente co Ministerio do ramo, este encontro no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), que agrupa todas as iniciativas da consellería en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura como medio de potenciar o éxito escolar.
As bibliotecas escolares hoxe
A xornada de clausura comeza con dúas mesas de debate simultáneas. Nunha delas presentarase unha ferramenta para a autoavaliación das bibliotecas escolares, da man das expertas en Biblioteconomía e Documentación Mónica Baró, Teresa Mañá, Inés Miret e Inmaculada Velosillo.
Na mesa simultánea afonda na utilidade das bibliotecas escolares para mellorar a competencia en información dos seus usuarios, un debate no que participan as coordinadoras de bibliotecas Puerto Menéndez e Rosa Piquín, e que foi moderado pola tamén coordinadora Juana Mª Vázquez.
A conferencia final será impartida pola antropóloga francesa e estudosa do mundo da lectura Michèle Petit, baixo o título ‘Leer y hacer uso de una biblioteca escolar: ¿y eso para qué sirve hoy en día?’. Finalmente procederase á lectura dun documento coas diversas achegas realizadas polos asistentes durante os tres días de congreso