Os 1250 docentes de reforzo do Plan Recupera incorporaranse aos centros escolares no mes de setembro
O obxectivo desta iniciativa é reforzar as aprendizaxes non adquiridas durante a pandemia para blindar o sistema educativo galego
Na reunión de hoxe abordáronse os preparativos para a volta ás aulas e reafirmouse o compromiso da Xunta de Galicia de dotar os centros de todos os recursos que sexan necesarios para garantir a seguridade sanitaria e a calidade e equidade do ensino
A Consellería manterá en funcionamento o Comité Educativo, dado a súa positiva contribución á toma de decisións e deseño de programas no pasado curso
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe a primeira reunión deste curso académico do Comité Educativo, o órgano creado o pasado ano para asesorar ao Goberno galego sobre os principais asuntos en materia de ensino no marco da pandemia. A xuntanza forma parte da rolda de contactos que se vai realizar cos axentes implicados no sistema educativo. Neste contexto, o conselleiro anunciou que os 1250 docentes de reforzo que vai contratar a Xunta de Galicia a través do Plan Recupera se van incorporar aos centros escolares xa no mes de setembro.
Neste sentido, Román Rodríguez reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia de dotar os centros de todos os recursos que sexan necesarios para garantir a seguridade sanitaria e a calidade e equidade do ensino. De feito, os docentes destinados ao desenvolvemento do Plan Recupera son máis que os contratados para reforzo o pasado curso, pese a que o Ministerio de Educación e FP diminuíu en máis de 1M€ os fondos que comprometeu a Galicia para o programa PROA (Plan de Reforzo, Orientación e Apoio). A estes engadiranse todos os docentes que sexan precisos tanto para o cumprimento das medidas sanitarias como do incremento da oferta, entre outros factores.
O conselleiro lembrou que o obxectivo do Plan Recupera é apoiar ao alumnado máis vulnerable, detectando e identificando desde os propios centros educativos as necesidades de aprendizaxe xeradas a raíz da pandemia e mellorar o rendemento académico, facilitando a adquisición de competencias e proporcionando recursos didácticos pedagóxicos de referencia para o traballo docente. “En definitiva –dixo–, blindamos a calidade e a equidade do noso sistema educativo, avalada por informes como o PISA, para garantir que Galicia continúe baixando a súa taxa de abandono temperá, que se reduciu á metade, desde o 25,8% en 2009 ata o 12% en 2020”.
Os centros educativos puideron solicitar participar neste plan de reforzo a través dunha convocatoria específica de contratos-programa, lanzada o pasado mes de xuño, que se resolverá a principios de setembro, de tal forma que os 1250 docentes comprometidos se poidan incorporar nese mesmo mes aos centros educativos.
Preparados para a volta
O representante da Xunta explicou aos membros do Comité Educativo que Galicia está preparada para o inicio do curso escolar 2021/22. “Non en balde, dispoñemos dun protocolo desde o 9 de xullo e contamos coa experiencia acumulada do curso pasado, que foi un éxito grazas á exemplaridade da comunidade educativa”. Así mesmo, informou de que a resposta do alumnado á campaña de vacinación está a ser masiva, polo que a previsión é ter vacinado ao alumnado de 12 anos en diante na primeira semana de curso con pauta completa.
En calquera caso, o conselleiro sinalou que a Xunta está traballando para que este ano os centros recuperen espazos como as bibliotecas, que o pasado curso houbo que destinar a aulas para acadar a presencialidade. “O noso obxectivo é avanzar na recuperación da normalidade e a vida cotiá nos centros educativos, sen baixar a garda, o que vai redunda nun maior benestar para o conxunto da comunidade educativa”, destacou Román Rodríguez.
Así mesmo, explicou que durante o curso que vai comezar Galicia vai seguir traballando de forma rigorosa e en base a criterios sanitarios, sempre en colaboración estreita co Comité Clínico, co obxectivo de que os centros educativos sigan sendo lugares seguros na loita contra a pandemia.
Ademais, puxo en valor o papel de avaliación e toma de decisións desenvolvido polo Comité Educativo no ano académico 2020/21, grazas á experiencia e reputacións dos seus membros nos seus diferentes ámbitos. “Por iso –salientou– queremos seguir contando convosco para consultar, xestionar e avaliar as decisións que sexa necesario tomar neste curso de transición ao que nos enfrontamos”.
Composición do Comité
Cómpre lembrar que o Comité Educativo está composto por 35 membros, tanto da administración educativa e sanitaria como externos. Entre eles figuran representantes dos equipos directivos dos centros educativos como Manuel Portas (IES Xelmírez II, de Santiago), Marta Castro (CEIP Paradai, de Lugo), Alberto Silva (Centro de Educación Especial Duques de Lugo, de Santiago), Enrique Pazo (CIFP Ferrolterra, de Ferrol), Eva López Tarrío (IES Valadares, de Vigo), María Fernández (Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra), Valentín García (CPR María Inmaculada, de Verín) e Francisco Gago (Centro Público Integrado Plurilingüe Laureano Prieto, da Gudiña).
En representación dos departamentos de orientación participan Yolanda Barallobre (IES Poeta Díaz Castro), mentres que Mª Victoria Fernández Mosquera representa os Equipos de Orientación Específicos (forma parte do EOE da Coruña) e Manuel Peralbo (Universidade da Coruña) é a persoa especialista no ámbito da psicoloxía educativa.
Participan tamén o presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia, Pedro Armas, Xosé Viñas (IES David Buján, de Cambre) e Mª Jesús Casado (IES Daviña Rey, de Monforte de Lemos) como docentes especialistas en prácticas de innovación educativa, educación virtual e uso de recursos dixitais.
igualmente, forman parte deste órgano Ubaldo Rueda (exdirector do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela), Ángel Carracedo (catedrático de Medicina Legal da USC) e Vicente Docasar (catedrático de Francés no IES Daviña Rey Monforte e exvoceiro de Educación no Parlamento de Galicia polo PSdG).
O Comité Educativo complétase con especialistas no eido da saúde como Juan Gestal (catedrático de Medicina Preventiva da Universidade de Santiago de Compostela), Luis Sánchez (pediatra no Centro de Saúde de Vite -Val do Dubra-, en Santiago) e Pedro Rascado (especialista de UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago).