Román Rodríguez destaca un investimento de case 6 m€ para mellorar os centros escolares de Ferrolterra
A Xunta inviste preto de 800.000€ na reforma integral do centro de Catabois e, para facilitar a conversión do Leixa nun centro integrado de FP
O Goberno galego está a acometer este verán 29 actuacións de mellora en centros educativos de Ferrolterra, por importe de medio millón de euros e ten previstas novas obras na comarca nos próximos meses por importe de máis de 5,2M€
As obras que se están a realizar este verán “son unha mostra de que o sistema educativo non para, senón que este ano se traballa con gran intensidade para acondicionar os centros educativos para o novo curso”, destaca o conselleiro
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou hoxe un investimento de preto de 6M€ para mellorar os centros escolares de Ferrolterra. Non en balde, o Goberno galego está a acometer este verán 29 actuacións de mellora en centros educativos da comarca, por importe de medio millón de euros, e ten previstas novas obras nos próximos meses por importe de máis de 5,2M€.
Durante as súas visitas ao instituto de Catabois e ao novo Centro Integrado de FP Leixa, o titular do departamento educativo da Xunta destacou a rehabilitación integral do primeiro dos centros como unha oportunidade para fortalecer o IES, que acolle o alumnado de Bacharelato do Leixa, tras a conversión en CIFP deste último.
Neste sentido explicou que a reforma do IES de Catabois, xa licitada, suporá un investimento de case 800.000€, no marco dun paquete de 84 actuacións que o Goberno galego está a sacar a licitación antes de fin de ano, e que supoñen un orzamento total de case 40M€. Destas 84 actuacións, varias son na comarca de Ferrolterra, por importe de máis de 5,2 M€, “entre elas a ampliación do CIFP Ferrolterra e as rehabilitacións integrais do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol e do colexio Almirante Juan de Lángara e Huarte”, sinalou o conselleiro.
Román Rodríguez destacou, ademais, que este verán a Xunta está a acometer 557 actuacións de mellora en centros educativos de toda Galicia, cun orzamento de 30M€. Delas, unha trintena desenvólvense na comarca de Ferrolterra, cun investimento de medio millón de euros. Entre elas inclúense as melloras que se están a realizar para facilitar a transformación en CIFP do Leixa, cun investimento de case 50.000€.
“Unha mostra de que no verán o sistema educativo non para, senón que este ano se traballou con gran intensidade para acondicionar os centros educativos para o novo curso”, destacou o representante da Xunta de Galicia.
Mellora da eficiencia enerxética
A rehabilitación integral do IES de Catabois ten entre os seus principais obxectivos mellorar a eficiencia enerxética do centro. Neste sentido, o proxecto inclúe a substitución da cuberta existente por panel de dobre chapa de aceiro con illante intermedio, a instalación dun sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE, a substitución da carpintería exterior por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro de dobre baixo emisivo, incluíndo persianas de aluminio con illamento no interior e caixa de persiana. Ademais levarase a cabo a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética tipo Led.
Respecto do resto de melloras, contémplase a colocación de falso teito acústico anti-reverberación en aulas e vinílico nos aseos, pintarase o interior en cores claros e substituiranse as portas interiores no andar baixo. Tamén se farán pequenos cambios na distribución do andar baixo para ampliar a biblioteca e acometeranse outras actuación para mellorar a accesibilidade do centro e para o seu mantemento. A previsión é que as obras estean rematadas no para setembro de 2022.
O conselleiro de Educación lembrou que as obras en desenvolvemento se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que cun orzamento de 191M€ ata 2024 ten como obxectivo deseñar edificios educativos post-covid, con espazos máis amplos, máis saudables e máis sustentables desde o punto de vista medioambiental. Así mesmo, afondarase na dixitalización dos centros e na súa formulación como espazos polivalentes a servizo das necesidades da educación do século XXI.
Reforzo da familia de Sanidade e de Servizos socioculturais
Román Rodríguez destacou, ademais, que a conversión en CIFP do Leixa de Ferrol redunda nun afondamento da especialización deste centro na familia profesional da Sanidade e de Servizos socioculturais e á comunidade.
Ao abeiro da conversión, o CIFP Leixa incorpora oito ciclos novos con 274 novas prazas. En concreto, no réxime ordinario suma os ciclos de grao superior en Educación Infantil, en Animación sociocultural e turística e en Promoción de igualdade de xénero (este último ofertábase ata o momento só nun centro de Pontevedra). No réxime modular para adultos na modalidade presencial o centro incorpora o ciclo de grao superior en Hixiene bucodental, mentres que na modalidade a distancia incorpora o ciclo de grao medio en Farmacia e parafarmacia e os ciclos superiores en Deseño e xestión da produción gráfica e en Integración social.
En FP Dual o centro ferrolán ofertou o proxecto de Dobre titulación en grao medio en Atención a persoas en situación de dependencia e de grao medio en Coidados auxiliares de enfermaría.