A Xunta convoca os cursos gratuítos de certificados de lingua galega, Celga, e de linguaxe administrativa galega nas escolas oficiais de idiomas
A Xunta de Galicia vén de convocar novos cursos preparatorios para as probas de acreditación da certificación de lingua galega (Celga), así como de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior en liña que se impartirán entre outubro deste ano e maio de 2022 nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia (EOI) das sete cidades.
As persoas interesadas en participar nestes cursos deberán realizar unha inscrición telemática a través do enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega, durante o prazo que vai do 1 ao 10 de setembro para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro) e do 4 ao 14 de xaneiro de 2022 para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).
Tanto os cursos preparatorios Celga (de 60 horas de duración) como os de linguaxe administrativa galega (de 75 horas) non teñen custo para o alumnado e pódenos solicitar aquelas persoas maiores de dezaseis anos, ou quen os faga en 2021, que desexen preparar as probas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificaren a súa competencia en lingua galega, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.
No caso dos cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos empregados públicos das administracións autonómica, local ou da Administración periférica do Estado na comunidade agás o persoal docente e sanitario e, entre outros requisitos, deberán estar en posesión dalgún certificado como o Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, ou cursos básicos de linguaxe administrativa.