A Xunta incorpora cinco centros ao Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach)
Os 38 centros que xa participaban na iniciativa continuarán desenvolvéndoa
O 55,6% dos alumnos destes estudos son mulleres
Está enmarcado na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2030 e ten entre os seus obxectivos promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado, en conexión coa universidade e tendo en conta a perspectiva de xénero
A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución pola que se incorporan cinco centros ao Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), prorrogando ademais a participación no proxecto dos 38 centros educativos que xa o desenvolven. Esta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2030, ten entre os seus obxectivos promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria é tendo en conta a perspectiva de xénero.
Os centros de nova incorporación son os institutos Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis), de Valga (Valga) e Valadares (Vigo) e os colexios Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña) e Plurilingüe Compañía de María (Vigo). A Xunta valora mi positivamente o éxito do programa, que queda demostrado coa continuidade dos centros que empezaron a desenvolvelo en cursos anteriores.
O STEMBach, que inclúe o desenvolvemento dun proxecto de investigación, contribúe a afondar no traballo das competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico. Facilita tamén a adquisición de competencias transversais, como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial.
A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto, e que se foi consolidando ata chegar aos 658 alumnos matriculados (o 55,62 % deles mulleres).
Proxecto de investigación
O STEMbach ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso do Bacharelato, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará co-dirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.
Así mesmo, estes estudantes cursarán unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas) extracurricular, en 1º e 2º de Bacharelato, que poderá basearse nalgunha das materias relacionadas con este ámbito ou ter un enfoque interdisciplinar, con orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais, e que terá unha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado.
A maiores, este alumnado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia, como conferencias, obradoiros ou proxectos.
Ao remate dos dous anos do proxecto, e logo da avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa, que tamén se fará constar no seu historial académico.