A Xunta impulsa un intercambio educativo virtual para 100 alumnos galegos con estudantes de Francia
O programa ‘Galimiens’ desenvolverase entre o 1 de outubro deste ano e o 30 de xuño de 2022
A Xunta de Galicia impulsará un intercambio educativo virtual entre un cento de alumnos de dez centros educativos galegos e estudantes da Académie d’Amiens (Francia) a través do programa Galimiens. O obxectivo é favorecer o diálogo lingüístico e cultural entre ambas partes, creando lazos de unións entre os alumnos coa vista posta nunha posible mobilidade física durante o curso 2022/23.
A iniciativa vai destinada a alumnado de centros públicos galegos que, durante o curso académico 2021/2022, estea matriculado en 3º ou 4º de ESO e curse francés como primeira ou segunda Lingua Estranxeira. Cada centro escolar seleccionará un número máximo de dez alumnos e alumnas candidatos e seleccionaranse un máximo de dez centros.
Os intercambios en liña do alumnado desenvolveranse en sesións cuxa duración, horario e temporalización serán concretadas polas persoas coordinadoras de cada centro antes da data de inicio do intercambio. Así mesmo, serán concretados o deseño, organización e desenvolvemento das tarefas que se pretendan realizar durante todo o curso. O programa terá lugar entre o 1 de outubro deste ano e o 30 de xuño de 2022.
Esta iniciativa enmárcase na estratexia do Goberno galego para impulsar as competencias do alumnado en linguas estranxeiras e afonda na colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade coa Académie d’Amiens, coa que tamén ten acordos para dotar de auxiliares de conversa o sistema educativo galego.