Xunta e universidades pechan as instrucións para garantir a presencialidade nos sete campus universitarios galegos o vindeiro curso

O documento recolle as medidas a adoptar para garantir a calidade da docencia ao tempo que garantir a seguridade sanitaria da comunidade universitaria

Establécese un escenario de “normalidade adaptada” de transición á fase pre pandemia así como un “escenario alternativo” con medidas específicas en caso de gromos ou peches localizados

Ven, 02/07/2021 - 14:02

A Xunta de Galicia e mailas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) veñen de pechar as instrucións que rexerán o vindeiro curso universitario 2021-22 e que contemplan garantir a presencialidade nos sete campus universitarios galegos.

O secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, José Alberto Díez de Castro, xunto coas vicerreitoras de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso, e de Organización Académica da Universidade de Santiago de Compostela, Mª Celia Besteiro; a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez; o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo, Manuel Ramos Cabrer; o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López Pereira; e o director da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa, pecharon o protocolo de transición a aplicar de cara ao próximo período lectivo.

O obxectivo do documento é establecer uns requisitos mínimos que garantan a calidade da docencia que se vai impartir nos centros docentes universitarios no vindeiro curso 2021-22, así como as medidas de control e prevención sanitaria a adoptar para o período de “transición entre a situación de presencialidade adaptada durante o curso 2020-21 e a situación de normalidade adaptada que se prevé para o curso 2021-22”, apostando pola actividade universitaria presencial. En todo caso, recoméndase que o proceso de adaptación se realice dun xeito progresivo, sobre todo no primeiro cuadrimestre do curso.

Escenario alternativo

Segundo as instrucións, as universidades deberán elaborar as correspondentes guías docentes, que conterán, de xeito xeral, un escenario de “normalidade adaptada”. Isto é, unha situación acorde co grao de presencialidade estimado como normal no momento previo á pandemia. Non obstante, tamén deberán incorporar un “escenario alternativo” para aqueles casos de situacións temporais limitadas pola aparición de gromos ou peches localizados.

Así pois, as guías docentes de cada unha das materias incluídas no plano de estudos dunha titulación oficial de grao ou máster universitario deberá incluír un “plan de continxencia” coas medidas a adoptar no caso de ter que aplicarse o escenario alternativo. Así mesmo, no caso das materias que conteñan prácticas clínicas, deberán incorporar tamén o plan específico para a súa substitución parcial ou total se fora necesario.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) será o órgano encargado de facer un seguimento dos plans de continxencia incluídos nas guías docentes, sobre todo, no que atinxe á atención titorial ao alumnado.

Aforos

No que atinxe aos aforos, as recomendación son que se aplique o 50% de aforo nos espazos con bancadas fixas, deixando sempre un posto intermedio baleiro, mentres que no caso de mobiliario non fixo, debería respectarse unha distancia mínima de 1,2 metros entre os postos.

Nos grupos moi numerosos apóstase por establecer un número máximo de asistentes por aula en función das características espaciais, da ventilación e das posibilidades técnicas. Nestes casos é preferible empregar aulas espello ou docencia telemática simultánea e, deste xeito, evitar concentracións elevadas de estudantado nun único espazo.

Prácticas

Con respecto ás prácticas clínicas, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) -órgano competente en materia de coordinación, desenvolvemento e exercicio das funcións relacionadas coas prácticas de pregrao e máster nos centros da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde- establecerá os criterios de priorización dos diferentes colectivos que opten ás prácticas clínicas.

Nos outros tipos de prácticas cuxo desenvolvemento se puidera ver afectado polos efectos da pandemia, estas poderanse substituír por outro tipo de actividades aínda que sempre garantindo a adquisición das competencias e capacidades esixidas.