Galicia consolida o modelo de FP de excelencia con 13 másteres e case un cento de novos proxectos de Dual
Román Rodríguez destaca na presentación da nova oferta que hoxe “a FP é unha ensinanza de prestixio que abre as portas dos traballos do futuro”
A Xunta oferta para o próximo curso un total de 27 grupos destes novidosos másteres, con 540 prazas, que se impartirán en 21 centros
Aproximadamente 1.400 alumnos poderán matricularse nos proxectos de FP Dual, que se distribuirán en 49 centros de toda Galicia coa colaboración de 374 empresas
Coas novas incorporacións e os proxectos xa en marcha, prevese acadar o récord dos 163 ciclos de Dual en case 60 centros e con aproximadamente 2.300 alumnos
O prazo de solicitude de praza comeza o próximo día 25
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe os másteres de FP e os novos proxectos de Dual, unha oferta coa que Galicia consolida o seu modelo de Formación Profesional de excelencia. En total, a Xunta abre matrícula en 13 másteres diferentes e nun total de 99 proxectos de Dual, distribuídos ao largo e ancho de toda a xeografía galega.
Tal e como explicou o titular do departamento educativo do Goberno galego, os másteres e a FP Dual son as dúas liñas de traballo fundamentais que impulsa este ano a Xunta para “seguir marcando fitos na FP galega”. O prazo de solicitude de praza comeza o día 25 de xuño e a oferta publicarase nos próximos días no Diario Oficial de Galicia e no Portal da FP.
Especialización en áreas de futuro
Román Rodríguez sinalou os másteres como unha formación que supón subir “un chanzo na escaleira de calidade da FP, cunha nova oportunidade para que os estudantes se especialicen en profesións de alto valor engadido”. “Áreas que son, ademais, –dixo–pioneiras e que lles van abrir aos estudantes as portas dos traballos do futuro”.
No curso 2021/2022 implantaranse 13 destes cursos de especialización, todos os que neste momento son de interese para a infraestrutura da FP galega. Estes másteres distribuiranse en 27 grupos, cun total de 540 prazas, e impartiranse en 21 centros das sete cidades galegas (e no futuro CIFP Universidade laboral de Culleredo).
A cidade con máis grupos de máster será Vigo, con seis, seguida de Lugo, con cinco. Pola súa banda A Coruña e Ferrol terán catro grupos cada unha delas e o resto de lugares (Culleredo, Ourense, Pontevedra e Santiago) ofertarán dous grupos de máster cada un deles.
“Os títulos circunscríbense a áreas de futuro como a implementación de redes 5G, a ntelixencia artificial e big data ou a ciberseguridade”, explicou o conselleiro, que destacou que a oferta foi elaborada en estreito diálogo co empresariado galego, a través de varias reunións celebradas nos últimos meses, e escoitando á comunidade educativa.
Neste momento a Xunta está traballando cos directores dos centros educativos que van impartir estes másteres de FP –presentes no acto de presentación– para formar o profesorado, “que é o piar fundamental do éxito deste proxecto”, salientou o conselleiro.
Máis de 2.300 alumnos na Dual
No referido á FP Dual, Román Rodríguez indicou que a previsión é –tendo en conta os novos proxectos e os que se iniciaron en cursos pasados e continúan en funcionamento–, que o vindeiro curso estean en marcha 163 proxectos de FP Dual, en 57 centros, con aproximadamente 2.300 matriculados e coa colaboración de 571 empresas.
Deles, serán totalmente novos e abrirán matrícula para o próximo curso un total de 99 novos proxectos de FP Dual en 49 centros. Serán un total de 1.400 prazas e contarase coa colaboración de 374 empresas no desenvolvemento destes proxectos.
As novas iniciativas inclúen ciclos de FP Dual “en sectores tan diversos como Agraria, o Comercio e Marketing, a Fabricación Mecánica, a Hostalaría ou a Sanidade”, indicou o conselleiro, que gabou o gran esforzo feito con esta oferta “para estender a FP Dual e chegar con ela a unha trintena de concellos de toda a xeografía galega”.
Unha década de avances
O representante da Xunta fixo un repaso polos grandes fitos da FP galega na última década, como o crecemento da rede de centros integrados de FP –dos 11 que había en 2009 aos 23 que haberá o vindeiro curso–, a ampliación da rede de viveiros de empresa –de 6 en 2009 a 26 na actualidade– ou a creación das novas modalidades de FP Básica, a distancia, programas formativos básicos para persoas con necesidades especiais e a FP Dual.
Os avances da última década, que se traducen nun incremento de máis do 60% no número de matriculados e nunha inserción laboral de máis do 85% (de máis do 90% nos ciclos de Dual), “son froito do traballo exemplar do profesorado de FP, dos directores dos centros que imparten estas ensinanzas e, por suposto, do alumnado, que amosa día a día o seu talento”, declarou o conselleiro.
Así mesmo quixo agradecer o apoio do empresariado, “que foi tamén un piar fundamental na revolución da FP, porque sen centros de traballo reais nos que facer prácticas, a cualificación dos alumnos non sería tan excelente”. “As cifras da FP Dual e as da Formación en Centros de Traballo –engadiu– demostran que a o tecido socioprodutivo galego confía na Formación Profesional”.
Ao abeiro desta unión de forzas, manifestou que “hoxe a FP é unha ensinanza de prestixio, unha opción en si mesma, moi lonxe dos tempos nos que era percibida como unha alternativa de segunda, en definitiva, hoxe a FP é unha oportunidade”.
Estratexia Galega de FP 2021-2025
A oferta do vindeiro curso está guiada pola Estratexia Galega de FP 2021-2025, a folla de ruta para o desenvolvemento da Formación Profesional nos próximos anos que estará centrada na potenciación da rede de centros referentes de FP, nunha oferta flexible e adaptada ás demandas do tecido produtivo e na colaboración co tecido empresarial.
Así mesmo, impulsarase a innovación e a dixitalización destas ensinanzas, a personalización da formación, a FP Dual e a acreditación das competencias profesionais dos cidadáns como unha vía cara a unha maior inserción laboral, sempre na procura da máxima potenciación da calidade.
“Unha reformulación estratéxica que marca a FP como unha prioridade do Goberno galego diante do reto de reactivar Galicia”, rematou o conselleiro.