A Consellería de Educación dotará ao CPI Conde de Fenosa de Ares dun novo aulario de infantil
O secretario xeral técnico reuniuse hoxe co alcalde deste concello, co fin de analizar o borrador do convenio de colaboración en virtude do que se realizará a ampliación
A Consellería licitará o proxecto e asumirá a construción das aulas
O concello asume a adquisición dos terreos e o traslado da pista cuberta para liberar espazo no recinto do centro
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén Barcala, recibiu hoxe ao alcalde de Ares, Julio Iglesias, co fin de analizar o borrador do convenio de colaboración que asinarán ambos organismos e que define as accións para a ampliación do CPI Conde de Fenosa.
Neste encontro o secretario xeral técnico presentou ao alcalde o texto elaborado a proposta do concello, e en virtude do cal o goberno local porá a disposición da Consellería terreos colindantes ao centro, co fin de ubicar neles a pista cuberta, que actualmente está instalada dentro do recinto do centro.
Segundo establece o borrador do convenio, unha vez liberado ese espazo, o departamento educativo da Xunta de Galicia comprométese a licitar o proxecto e á posterior construción dun aulario de educación infantil. De feito, os orzamentos da Consellería para 2012 recollen unha dotación para licitar o proxecto, unha vez teña a disposición os terreos e se teña producido o traslado da pista cuberta.
Pola súa banda, o concello asume a adquisición dos terreos necesarios para ubicar a pista cuberta, e a executar o traslado da mesma ao novo solar, para o que contará coa colaboración financieira da Deputación da Coruña, tal e o acordaron no seu días as tres institucións. A cooperación entre ambas as entidades locais formalizarase no correspondente instrumento de colaboración bilateral ou, se é o caso, mediante as liñas de subvención que estableza a Deputación.
Cómpre recordar que o problema da escolarización das alumnas e alumnos de educación infantil, que viña acontecendo desde 2006, foi solucionado no comezo do presente curso coa instalación dunhas aulas provisionais. Deste xeito, con este convenio o departamento educativo da Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co mantemento das instalacións dos centros educativos nas mellores condicións, de tal forma que se satisfagan as necesidades da comunidade educativa, ao tempo que se dá resposta á demanda escolar nas zonas con maior poboación infantil.