A Xunta prevé implantar media ducia de másteres de formación profesional en Vigo o vindeiro curso
A Consellería de Educación está a ultimar os detalles da oferta destes cursos de especialización e da FP Dual, cun importante peso para a cidade da oliveira
Así mesmo está previsto poñer en marcha unha ducia de novos proxectos de FP Dual
No réxime ordinario e modular para adultos a oferta inclúe cinco novos ciclos e 160 prazas en Vigo
Román Rodríguez salienta que Vigo e a súa contorna “representan un papel central na aposta da Xunta pola Formación Profesional, e máis en concreto, pola FP Dual”
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia ten previsto implantar media ducia de másteres de Formación Profesional en Vigo de cara ao próximo curso. No marco da xornada FP Dual, unha fiestra de oportunidades para o futuro, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia e a Xunta, o titular do departamento educativo da Xunta explicou que a oferta definitiva tanto destes másteres como dos novos proxectos de Dual se dará a coñecer nas próximas semanas, coa previsión dun importante peso en Vigo.
Cómpre lembrar que os másteres de FP son un proxecto pioneiro que a Xunta de Galicia leva meses preparando da man do empresariado galego, unha quincena de cursos de especialización de ata 700 horas de duración en áreas cunha ampla demanda do mercado laboral como a fabricación intelixencia, a dixitalización do mantemento industrial, o desenvolvemento de videoxogos ou a Intelixencia Artificial e o Big Data.
O titular do departamento educativo da Xunta pediu aos empresarios a implicación neste novo proxecto que nos permitirá “dar unha formación especializada ao alumnado, adaptándoo aos novos retos e aos requerimentos do tecido empresarial e que, sen dúbida, xerará un importante valor engadido que repercutirá no conxunto da sociedade”.
Confianza na FP Dual
Román Rodríguez destacou que Vigo e a súa contorna “representan un papel central na aposta da Xunta pola Formación Profesional e máis en concreto pola FP Dual”, recordando que nos centros da cidade se imparten nove ciclos nesta modalidade, con máis dun cento de prazas “coa colaboración de empresas de grande prestixio dentro e fóra de Galicia como Pescanova, Media Markt, Leroy Merlín, Arenal, Carrefour ou EuroStars”.
Así mesmo, salientou que a nova oferta de FP nos réximes ordinario e modular para as persoas adultas inclúen en Vigo cinco novos ciclos con máis de 160 novas prazas. No caso da Dual, estanse a ultimar os detalles da oferta, pero avanzou: “Somos ambiciosos e contamos con superar o vindeiro curso os 60 ciclos formativos no conxunto da Comunidade, así como manter e mesmo superar o número de empresas implicadas tanto en Galicia como nesta cidade”. En concreto en Vigo está previsto poñer en marcha unha ducia de novos proxectos de FP Dual.
Neste sentido, o conselleiro puxo en valor a confianza do empresariado galego na FP Dual, grazas ao que foi posible “o crecemento exponencial desta formación”. De feito, neste curso ofertáronse un total de 59 ciclos nesta modalidade, “unha cifra que practicamente triplica os 20 existentes no curso 2016/17”. Así mesmo, explicou que o alumnado de Dual duplica hoxe, con 1.476 estudantes, o que había no curso 2017/18 e que son 357 as empresas que colaboran con esta modalidade hoxe en día, pese á situación de pandemia.
Así mesmo, destacou a alta empregabilidade destas ensinanzas, que supera o 92%. “Ademais –engadiu– o 85% do alumnado de Dual que atopou emprego fíxoo na mesma empresa na que desenvolveu a formación”.
Logro compartido
O conselleiro quixo agradecer a colaboración dos empresarios no crecemento da FP en Galicia, tanto na Dual como no desenvolvemento dos módulos de Formación en Centros de Traballo (FCT). A este respecto, agradeceulles o esforzo realizado este curso para que as cifras desta formación práctica volveran situarse en niveis previos á pandemia. Non en balde, este curso son máis de 14.000 os alumnos que realizan a FCT en máis de 8.200 empresas galegas, fronte aos 7.200 que o desenvolveron o ano pasado en 4.700 empresas.
“Esa estreita colaboración entre Administración e tecido empresarial é unha das claves da revolución que vivir nos últimos anos a nosa FP, situándose como unhas ensinanzas de grande prestixio social pola súa elevada empregabilidade”, dixo Román Rodríguez, sinalando este fito como “un logro compartido que pertence ao profesorado, equipos directivos, alumnado, administración educativa e, por suposto, ao empresariado, que ten destacado sempre pola súa actitude proactiva e de colaboración.”
Escaparate da Formación Dual
A xornada FP Dual, unha fiestra de oportunidades para o futuro ten como obxectivo afondar nas posibilidades desta modalidade, especialmente no referido á súa empregabilidade, que supera o 92%.
Neste escaparate da Dual participan tanto o Círculo de Empresarios de Galicia como a propia Administración educativa e representantes dos centros que imparten estas ensinanzas e de empresas colaboradoras. Ao longo da mañá, ademais de asistir aos diferentes relatorios, os participantes no encontro puideron visitar os seis stands nos que centros educativos presentaron ao público profesional a súa oferta formativa, proposta de servizos e oportunidades de negocio.