Unha exposición interactiva sobre Lois Pereiro difunde a vida e a obra do escritor entre o alumnado do IES de Alfoz
A mostra permanecerá no centro educativo desde hoxe ata o 13 de novembro
A exposición enmárcase nunha iniciativa que promoven a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos para achegarlles aos estudantes recoñecidos nomes da literatura galega
Senllas exposicións sobre Castelao e Neira Vilas completan este proxecto, que percorrerá ata final de ano diversos centros de ensino
Fotografías do álbum familiar de Lois Pereiro, poemas musicados, textos explicativos e mesmo gravacións da voz do poeta son algúns dos materiais multimedia cos que os estudantes do IES Alfoz - Valadouro se poden achegar estes días ao escritor de Monforte. Todos estes recursos están incluídos na exposición interactiva sobre Lois Pereiro que chega hoxe ao centro educativo de Alfoz e que ten como obxectivo difundir entre os seus alumnos e alumnas a vida e a obra do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
A exposición sobre Lois Pereiro enmárcase nunha iniciativa máis ampla que promoven a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos e que pretende achegarlle ao alumnado a traxectoria vital e profesional de recoñecidos escritores da literatura galega.
A mostra que protagoniza o escritor de Monforte, deseñada por Ouvirmos, consiste nunha instalación multimedia composta por unha pantalla multitáctil de gran tamaño e un muro vertical que mostra unha liña temporal cos principais episodios da biografía de Lois Pereiro e textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Este muro conta con dúas pequenas pantallas que exhiben en continuo preto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta. En canto á pantalla multitáctil, esta presenta un programa interactivo, dinámico e sensible á manipulación con dedos e xestos, que consta de catro apartados: Fotobiografía, A voz do poeta, Xogando coas palabras e A música.
Interactuar coa obra de Lois Pereiro
En Fotografía, o alumnado pode coñecer a vida do autor a través do seu álbum fotográfico familiar. Xogando coas palabras convida os escolares a interactuar cos poemas de Lois Pereiro, creando novas palabras e compoñendo os seus versos. Mentres, A música inclúe poemas do escritor musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Nación Reixa e Radio Océano. Finalmente, ademais de presentar a súa produción literaria, a exposición permite escoitar A voz do poeta no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.
Despois do seu paso polo IES Alfoz – Valadouro, onde permanecerá ata o 13 de novembro, a exposición sobre Lois Pereiro estará do 14 ao 27 de novembro no IES Manuel Chamoso Lamas, do Carballiño, e rematará o seu percorrido polos centros en Carral, no CPI Vicente Otero Valcárcel, do 28 de novembro ata o 11 de decembro.
125º aniversario de Castelao e 50º aniversario de Memorias dun neno labrego
Xunto coa de Lois Pereiro, tamén forma parte deste proxecto unha mostra sobre Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, que conmemora os 125 anos do nacemento do intelectual de Rianxo, e a exposición Querido Balbino, 1961-2011. Memorias dun neno labrego, que nace co gallo de celebrar os cincuenta anos da publicación desta obra do escritor de Vila de Cruces Xosé Neira Vilas.
A primeira exposición en iniciar o seu traxecto foi a exposición sobre Neira Vilas e a súa obra Memorias dun neno labrego, que desde o pasado 17 de outubro e ata o 6 de novembro pode verse no IES A Guía de Vigo. Antes de chegar ao seu próximo centro de destino, o CEIP Xesús Golmar de Lalín –onde estará do 5 ao 25 de decembro–, Querido Balbino realizará unha parada no Auditorio Municipal de Celanova desde o 14 de novembro ata o 4 de decembro.
En canto á exposición sobre Castelao, a súa primeira parada foi o CEIP de Rianxo que leva o nome do escritor. Desde o pasado 24 de outubro e ata o 6 de novembro os alumnos e alumnas do centro teñen a ocasión de coñecer a vida e a obra do galeguista a través de sete paneis de desenvolvemento teórico, que son complementados con sistemas interactivos e música ambiental. A próxima parada da mostra será o IES Ortigueira, onde poderá verse desde o 14 ao 27 de novembro, para rematar o seu percorrido no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, do 12 ao 25 de decembro