A Xunta incrementa as axudas para a realización da formación práctica en centros de traballo e en FP dual

A cuantía máxima do alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro da comunidade autónoma sube de 300 € a 375€

O obxectivo desta acción, dotada cun orzamento de 800.000€, é compensarlle ao alumnado parte dos gastos derivados destes desprazamentos

O primeiro prazo de solicitude está aberto ata o 5 de xullo

Mér, 02/06/2021 - 13:54

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de convocar as axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo (FCT), incluído o alumnado que cursa a modalidade de FP Dual, ao que se destina un orzamento de 800.000 euros.

O obxectivo desta liña de actuación é compensarlle ao alumnado parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades, que se desenvolven na empresa; ao tempo que se favorece a mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou nalgún ciclo formativo de FP Dual. En calquera caso, deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP Dual antes do 31 de decembro deste ano.

Modalidades

A convocatoria establece dúas modalidades, unha dirixida aos que realizan a formación dentro do territorio español e outra para os que a fan fóra do mesmo.

Na modalidade A, destinada a quen realice a formación dentro do territorio español, a contía da axuda dependerá de onde se realicen as prácticas, e o número de xornadas. Así, o alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro da comunidade autónoma recibirá ata un máximo de 375€ (o que supón un incremento respecto dos 300€ da convocatoria anterior), sempre que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. A contía a percibir polo alumnado establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP Dual do número de xornadas de permanencia na empresa.

No caso do alumnado que realice a formación fóra da comunidade autónoma, percibirá unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice a FCT ou a FP Dual en varios centros de traballo.

Na modalidade B, destinada a quen realice a formación fora do territorio español, a contía das axudas variará en función do país de destino. Deste xeito, establécese unha contía base dependendo do país (para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro), e unha cuantía adicional segundo as semanas de estadía no estranxeiro para dita formación.

Solicitudes

O alumnado deberá tramitar as axudas a través do centro educativo no que estea a estudar a FP e haberá dous prazos para facelo. O primeiro deles estará aberto ata o 5 de xullo e está dirixido a quen realizase a FCT nos períodos outubro 2020-marzo 2021 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2021, así como ao alumnado de FP Dual.

O segundo prazo, comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2021, será para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2021 e que a remate antes do 31 de decembro de 2021.