A Xunta convoca os Premios Fin de Carreira para titulados superiores de música, arte dramática, conservación e restauración de bens culturais e deseño
Están dirixidos a alumnos que remataron os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores no curso 2019-20 en centros públicos de Galicia
O prazo para presentar as solicitudes remata o 28 de xuño
A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios Fin de Carreira para o alumnado de ensinanzas artísticas superiores de Música, de Deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais en centros públicos de Galicia.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade instaurou estes premios por primeira vez o pasado curso, co fin de que os alumnos destas ensinanzas artísticas superiores estiveran en igualdade de condicións e de oportunidades que os titulados universitarios, que xa contan con galardóns desde tipo desde hai anos.
Estes galardóns -cuxos requisitos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe- teñen por obxecto recoñecer a excelencia no rendemento académico e o esforzo, traballo e dedicación dos alumnos destas ensinanzas que remataron os seus estudos no curso 2019-20. Ademais do recoñecemento oficial aos mellores expedientes, os galardoados recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.000 euros.
En total poderán concederse ata seis premios, a razón de dous para as ensinanzas superiores de Música, outros dous para ensinanzas superiores de Deseño, un para ensinanzas superiores de Arte Dramática e outro para ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
Entre os requisitos cómpre salientar ter finalizado os estudos das titulacións artísticas antes sinaladas no curso 2019-20 cunha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos. Os interesados deberán formular as solicitudes de xeito exclusivamente electrónico na sede electrónica da Xunta de Galicia, podendo empregar o sistema Chave365.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá ata o vindeiro 28 de xuño.