A Consellería de Educación achega 3,6 millóns de euros para impulsar a estabilización de 28 investigadores nas universidades galegas

Educación dá axudas ás universidades para a totalidade do persoal que estabilizaron entre xaneiro de 2010 e xuño de 2011

O departamento educativo da Xunta de Galicia dá mostra así do seu apoio á I+D+i e á renovación xeracional de persoal docente investigador

Xov, 27/10/2011 - 16:43

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria achegará máis de 3,6 millóns de euros para financiar a contratación de 28 investigadores nas tres universidades galegas, co fin de incentivar a incorporación estable nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) de novo persoal docente con perfil marcadamente investigador.

Con esta iniciativa, á que deu hoxe o visto e prace o Consello da Xunta, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad amosa unha vez máis o seu firme apoio á estabilización do persoal docente investigador, o que contribúe á renovación xeracional. A contratación destes investigadores supón ademais un avance a prol da calidade do SUG, no marco dos obxectivos do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015.

De feito, o devandito plan recolle no seu Reto 1 a Captación, Formación e Retención de Talento, estratexia desenvolvida no Eixe estratéxico 1 ‘Xestión do Talento’, co fin de captar e desenvolver os recursos humanos especialmente capacitados para os procesos de xeración de coñecemento. Desta forma, a Consellería de Educación considera que son precisamente os investigadores de excelencia científica formados nas universidades galegas os mellores recursos humanos para facer avanzar o sistema galego de I+D+i.

Son en total 28 os investigadores cuxos contratos se financian, por un período de 3 anos, a través dun convenio asinado coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo). Os postos de traballo acollidos a este convenio son todos aqueles nos cales tanto a data de contrato ou nomeamento, como as de incorporación efectiva están comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 30 de xuño de 2011, e que finalizaron o seu quinto ano do contrato do Programa Parga Pondal e contan coa acreditación Manuel Colmeiro.

Con esta iniciativa a Xunta de Galicia aposta de novo pola construción dunha universidade galega que sexa o motor dunha Galicia do futuro, que deberá estar baseada no coñecemento, a investigación e a innovación.