A Xunta impulsa a formación de preto de 800 docentes no ámbito tecnolóxico como unha das chaves para a excelencia do ensino
Román Rodríguez agradece a implicación docente por actualizar coñecementos e competencias imprescindibles para a calidade formativa dos alumnos
Arredor de 800 docentes participaron este fin de semana nunha xornada formativa sobre educación dixital a través dun encontro virtual que, ademais de para afondar na mellora de coñecementos e competencias neste ámbito, serviu de punto de encontro para o intercambio de experiencias e boas prácticas en materia tecnoloxía dixital. Así mesmo, o encontro tivo como obxectivo acompañar ao profesorado na incorporación destas tecnoloxías ao proceso de ensino-aprendizaxe na aula, e para debater sobre propostas metodolóxicas innovadoras neste ámbito.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, aproveitou a apertura da xornada –na que interveu telematicamente desde a Aula Nova do Centro de Autonómico de Formación do Profesorado, CAFI– para agradecer persoalmente o compromiso dos profesores galegos coa mellora da súa carreira profesional a través da actualización constante dos seus coñecementos e destrezas, e que despois trasladan ás aulas cos alumnos. Loou, ademais, o sobreesforzo engadido no seu labor diario nun curso marcado pola pandemia.
O titular de Educación referiuse á formación do profesorado como “unha carreira de fondo que esixe dunha adaptación continua aos novos tempos e ás novas necesidades”. O Goberno galego deseña cada curso, a través do Plan Anual de Formación do Profesorado, as estratexias e as ferramentas formativas para o profesorado galego, sempre buscando a máxima correlación entre as accións estratéxicas da Consellería e as liñas de formación ofertadas.
Tan só nos últimos meses máis de 30.000 docentes participaron nalgunha das accións formativas en competencias dixitais ofertadas pola Consellería, como a de Educación Dixital celebrada este fin de semana. Na última década, as accións programadas centráronse principalmente no ámbito lingüístico (pola extensión do ensino plurilingüe), así como en materia de convivencia e inclusión, en igualdade e en competencias STEM e no eido dixital, a raíz da implantación do E-Dixgal.
O impulso da dixitalización
De cara aos próximos anos, segundo avanzou o conselleiro, vaise facer un especial fincapé na formación tecnolóxica, que resultará necesaria para afrontar o impulso á dixitalización do sistema educativo que está impulsando a Consellería de Educación e que se vai materializar en accións como a dotación de espazos maker e polos creativos nos centros escolares, ou a implantación da Intelixencia Artificial en todas as etapas educativas.
“Sacarlle o máximo proveito a todas estas iniciativas depende, sobre todo, de contar con profesorado ben preparado, con coñecementos especializados para poder levar adiante con éxito estes proxectos”, abondou o conselleiro, que especificou que “a excelencia dos nosos estudantes só se pode garantir con docentes tamén excelentes”.