A Consellería de Educación leva para a súa negociación na mesa sectorial convocatorias de concursos para o corpo de docentes
Os sindicatos do ensino foron convocados para abordar a convocatoria de concurso de traslado, de orientación e de méritos para cubrir as direccións dos CRDs
Á reunión acudiron CIG, FETE-UGT, CCOO, ANPE E STEG
A Consellería de Educación celebra a súa volta á negociación na Mesa Sectorial
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria volveu convocar aos sindicatos do ensino á mesa sectorial para o diálogo arredor de tres novas convocatorias, nomeadamente a de concurso de traslados, a de concurso de orientación do corpo de mestres e do concurso público de méritos para cubrir as direccións dos centros residenciais docentes.
Desta forma, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dá mostra unha vez máis da súa vontade de instar á participación de todos axentes sociais implicados no eido educativo para a toma de decisións que tocan directamente ao sistema de ensino en Galicia.
Á reunión acudiron representantes da Confederación Intersindical Galega (CIG), a Unión Xeral de Traballadores (FETE-UGT), Comisións Obreiras (CCOO), a Asociación Nacional de Profesores Españoles (ANPE Galicia) e o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG). Neste sentido a Consellería de Educación celebra a volta á negociación na Mesa Sectorial.
Convocatorias
No encontro celebrado esta tarde na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), presentouse a convocatoria de concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación, para a provisión de prazas vacantes entre persoal funcionario dos devanditos corpos.
Desta forma convocaranse as vacantes previstas, as que se produzan por xubilación forzosa por cumprimento dos 70 anos de idade durante o curso académico 2011-2012, as que se produzan ata o 31 de decembro de 2011, e as que resulten da resolución do concurso en cada corpo polo que se concursa, sempre que se correspondan con prazas que teñan o seu funcionamento previsto na planificación xeral educativa ou na planificación do funcionamento da inspección educativa. Así mesmo, ofértanse as vacantes que resulten da resolución do concurso de traslados específico de orientación.
Doutra banda, na mesa presentouse o texto da convocatorio de concurso público de méritos entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes para cubrir as direccións dos centros residenciais docentes (CRDs).