Román Rodríguez destaca o valor do programa Erasmus+ para a internacionalización e o enriquecemento das escolas galegas
O instituto compostelán foi o único de España en coordinar dous destes proxectos
As iniciativas afondan na prevención do acoso e no impacto do Camiño
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou hoxe o valor do programa Erasmus+ para a internacionalización e o enriquecemento común das escolas galegas. Fíxoo na xornada de presentación das conclusións de dous proxectos europeos, Tric: Bullying & Ciberbullying e +Camiño UnE, coordinados polo IES Arcebispo Xelmírez I, celebrada no instituto compostelán, e na que o conselleiro estivo acompañado polo director do centro, Manuel Portas.
O titular do departamento educativo da Xunta destacou que o Xelmírez I foi o único centro de toda España que tivo dous proxectos aprobados como coordinadores en KA229, desenvolvidos entre centros escolares de varios países europeos, e puxo en valor o traballo do alumnado e profesorado deste instituto. “Sodes un exemplo dun modelo educativo que aposta por tecer redes no ámbito europeo e internacional da man da calidade e a innovación educativa”, afirmou.
O conselleiro explicou, ademais, que os ámbitos nos que afondan estes dous proxectos están en estreita conexión coas liñas prioritarias da Xunta de Galicia, como é o caso do acoso escolar, “onde Galicia foi pioneira cun protocolo específico de prevención e tratamento, o primeiro de España que tamén recolle o ciberacoso”, e do Camiño de Santiago, “de importancia estratéxica para Galicia, máis no actual contexto do Xacobeo 21-22”.
Medidas a prol da convivencia
Cómpre lembrar, ademais, que a Xunta de Galicia está traballando xa no reforzo da loita contra o acoso escolar co deseño da Estratexia Galega de Convivencia 2021-2015, a folla de ruta que marcará as accións a desenvolver neste ámbito no próximo lustro. Nela incluirase un plan integral de loita contra o acoso, a creación de grupos de traballo interdisciplinares e o recoñecemento das boas prácticas a prol da convivencia, a través da creación do premio Con-vivimos.
O proxecto Tric: Bullying & Ciberbullying céntrase en que o profesorado e alumnado estude e tome conciencia mediante a realización de traballos e reunións conxuntas do que é o acoso e o ciberacoso e como combatilo. Entre as actividades realizadas figuran obras de teatro, documentos de boas prácticas e unha ampla difusión dos resultados entre a comunidade educativa e na súa contorna (coas familias e a nivel local, etc).
O valor engadido do proxecto é poder estudar esta realidade a nivel europeo e tomar acordos que poidan axudar a revisar as políticas internas dos propios centros para atallar esta problemática. Nesta iniciativa, o instituto santiagués contou con socios de Romanía e Italia.
No referido a +Camiño UnE, o proxecto baséase no estudo por parte de docentes e alumnos do impacto económico, comercial, de patrimonio, social e de sustentabilidade que afecta ás zonas por onde transcorre o Camiño de Santiago mediante distintas actividades e documentos conxuntos. Neste caso o Xelmírez I conta con dous socios franceses e un de Navarra.
O IES Arcebispo Xelmírez I tamén participa no Consorcio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para ciclos medios Next Station: Improving Professional Skills in Galicia para que o alumnado de ciclos medios poidan realizar o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) fóra nun país europeo.