A Xunta convoca os premios de fin de carreira para recoñecer a excelencia do alumnado universitario
Vai dirixido aos estudantes que remataron os seus estudos no curso 2019/2020
Os interesados dispoñen ata o 24 de maio para solicitar optar ao galardón, dotado con ata 3.500 euros por premiado
A Xunta de Galicia convoca os premios de fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no curso académico 2019/2020 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG). O obxectivo destes galardóns é recoñecer o esforzo e a excelencia do alumnado universitario galego que rematou de xeito brillante a titulación.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina a esta convocatoria un orzamento de 339.500€. Cada un dos galardoados acadará un premio de ata un máximo de 3500€ e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.
Poderá optar a este premio o alumnado que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Os requirimentos e forma de presentación de solicitudes poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.
O número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Así, aquelas titulacións con ata 199 persoas egresadas optarán a un premio, as que teñan entre 200 e 299 a dous e as que conten con 300 ou máis persoas optarán a tres premios. As titulacións que teñan entre 400 e 499 persoas egresadas optarán a catro premios, e as de máis de 500 persoas egresadas poderán optar ata cinco premios. O número de persoas egresadas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades do Sistema universitario de Galicia.
As solicitudes poderán presentarse ata o 24 de maio, obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.