A Xunta inviste 44.000€ en melloras no Colexio Plurilingüe de Oca, na Estrada
Construíuse unha pérgola para protexer a entrada do alumnado ao centro
O representante da Consellería de Educación salienta o compromiso do Goberno galego co ensino do rural
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, acompañado do alcalde da Estrada, José López, visitou esta mañá o Colexio Plurilingüe de Oca, onde Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de investir 44.000€ en diversas melloras nas instalacións.
En concreto, construíuse unha pasarela cuberta no exterior do centro para protexer a entrada do alumnado desde que baixa do autobús ata que alcanza o interior do edificio. Esta pérgola evita que os nenos se mollen, sobre todo neste momento no que o proceso debe desenvolverse de xeito ordenado por mor do protocolo covid. Ademais, renováronse os teitos de boa parte das aulas do colexio e acometeuse o pintado dos seus paramentos.
O representante autonómico puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia o ensino do rural, especialmente con colexios tan activos como o estradense, que este mesmo curso se incorporou ao proxecto de libro dixital do Goberno galego, E-Dixgal, a través do que o alumnado de 5º de Primaria deste centro pode empregar este sistema de forma totalmente gratuíta para as familias.
O colexio desenvolve tamén este curso unha das novas liñas de actuación dos contratos-programa, Eduemociona, a través da que se realizan accións para a mellora da competencia socioemocional de toda a comunidade educativa, en prol do benestar emocional persoal-social e da súa calidade de vida; e participa desde hai anos no programa de centros plurilingües e no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).