O IES de Ames e o CEIP de Porto Cabeiro de Redondela gañan o Concurso-Exposición Letras Galegas 2021 da Xunta
Os proxectos 'Abecedáriome' e 'Xela Arias e as palabras', resultan vencedores do certame escolar este curso
Os materiais didácticos para traballar a figura de Xela Arias en todos os niveis educativos estarán accesibles proximamente desde o Portal da Lingua Galega
O IES Plurilingüe de Ames e o CEIP de Porto Cabeiro de Redondela gañaron o Concurso-Exposición Letras Galegas 2021 convocado pola Xunta de Galicia co obxectivo de poñer en valor e dar a coñecer a autora a quen a Real Academia Galega (RAG) lle dedica este 17 de maio, Xela Arias. A iniciativa busca ofrecerlle aos centros educativos de Galicia materiais de calidade -xogos de carteis e unidades didácticas- para traballar desde as aulas a figura homenaxeada en todos os niveis educativos desde infantil ata bacharelato ou formación profesional.
Así, a exposición gañadora na categoría A, correspondente á modalidade de Educación Infantil e Primaria, é Xela Arias e as palabras, elaborada polo redondelán CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro, que se impuxo cun proxecto didáctico arredor da autora que salienta pola súa orixinalidade e creatividade, pola beleza estética e pola diversidade das técnicas empregadas na procura de difundir a vida e a obra de Xela Arias entre o público máis novo.
Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos de ESO, Bacharelato, FP e Educación Especial), o traballo gañador foi Abecedáriome, do IES Plurilingüe de Ames, co que o equipo de traballo conseguiu plasmar a vida, a obra e a época de Xela Arias a través dun harmonioso conxunto de carteis que destacan pola súa modernidade e pola acertada selección da información, amais da súa unidade, perfección técnica e calidade lingüística.
Ampla programación para celebrar a festa da lingua galega
Os dous centros educativos gañadores recibirán cadanseu premio en metálico de 2000 euros, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha das exposicións seleccionadas obterá unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador do proxecto). Ademais, as dúas coleccións de 10 carteis que integran cada unha das mostras e as súas guías didácticas estarán accesibles desde o Portal da Lingua Galega, para a súa descarga libre e de balde, a canda outros materiais especialmente elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega.
O Concurso-Exposición Letras Galegas forma parte da programación institucional que a Xunta de Galicia desenvolve xa para renderlle tributo a Xela Arias e para facer partícipe a toda a sociedade da celebración da festa da lingua galega, o 17 de maio.