A Xunta abre unha nova convocatoria para que as universidades opten ao Selo de Excelencia dos seus másters universitarios
Esta distinción acredita a solvencia técnico-científica dos estudos que a acaden e supón unha garantía de calidade para o alumnado
A orde publicada no Diario Oficial de Galicia abre o prazo para que as universidades do SUG presenten as solicitudes durante dous meses
As publicacións seleccionadas reciben apoio económico do Goberno galego
A Xunta de Galicia dá un novo impulso á excelencia académica na universidade coa apertura da segunda convocatoria para a distinción de másters universitarios de Excelencia no Sistema Universitario de Galicia (SUG), coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Esta mención de excelencia foi implantada por primeira vez e de xeito pioneiro na nosa Comunidade o ano pasado, e concluíu coa concesión deste selo de calidade a tres másters nas universidades galegas.
Con esta publicación, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade abre o prazo para que durante un tempo máximo de dous meses as universidades do SUG poidan solicitar o selo de calidade que acreditará o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos e que suporá, ademais, unha garantía de futuro para os estudantes. Ademais, a obtención deste selo, que ten unha duración de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario que, para este ano, prevé unha achega de 20.000 euros por cada unha delas.
Cada universidade do SUG poderá presentar, como máximo, ata tres solicitudes correspondentes a outras tantas titulacións de máster universitario oficial nas que deben figurar como universidade coordinadora no caso de titulacións conxuntas. Entre os requisitos para solicitar a mención están o de ser títulos de máster universitario de carácter oficial e validez en todo o territorial nacional, e que veñan sendo impartidos por algunha das universidades do SUG de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2017-18, e que continúe impartíndose na actualidade.
Criterios de avaliación
A convocatoria establece unha serie de criterios de avaliación para acceder a esta mención. Así, os aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro, e a existencia de titorización e mentorización individuais, valoraranse con ata 25 puntos. Tamén con ata 25 puntos se valorarán os resultados do máster, para o cal se terán en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, ránkings).
Con ata 20 puntos, valorarase a estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro do máster, o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención), mentres que poderán recibir ata 15 puntos polo Plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras) e polo profesorado do máster con aspectos como os méritos, a adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidades ou doutros conferenciantes externos.
Por último, o apartado de Emprendemento, no que se terán en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego, permitirá conseguir ata 10 puntos.
Tres primeiros recoñecementos
O pasado ano, cando esta convocatoria se celebrou por primeira vez, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade recibiu preto de 15 propostas que foron avaliadas pola comisión encargada de analizar as peticións e a documentación presentada. Finalmente, a comisión concedeulle a mención de Máster Universitario Excelente cunha vixencia de cinco cursos académicos, ao fin dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración, a tres propostas.
Concretamente, as solicitudes aceptadas foron o Máster Universitario en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética e o Máster Universitario en Enxeñería Informática, da Universidade da Coruña, e o Máster Universitario en Enxeñería Ambiental, da Universidade de Santiago de Compostela.