O número de alumnos da ESO que empregan o libro dixital en Galicia duplicarase o próximo curso
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, presentan a ampliación da convocatoria do proxecto E-Dixgal
Como novidade o proxecto implantarase tamén en 3º e 4º de Secundaria
Por primeira vez, poderá estudarse con este sistema en seis cursos consecutivos
A Xunta prevé duplicar o número de alumnos de ESO que emprega libro dixital o próximo curso. Anunciouno hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na rolda de prensa de presentación da nova convocatoria de E-Dixgal para o vindeiro ano académico, na que tomou tamén parte a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.
O titular do departamento educativo da Xunta explicou que a principal novidade da convocatoria para o curso 2021/2022 é a extensión do proxecto aos cursos de 3 e 4º de ESO (ata o momento só se aplica a 5º e 6º de Primaria e a 1 e 2º de ESO). Isto realizarase de forma automática, se así o desexan, aos centros que xa contan con libro dixital nesta etapa “e que nun só curso dobrarán o número de alumnos beneficiados”, sinalou o conselleiro.
Así mesmo, o próximo curso poderán incorporarse un mínimo de 75 novos centros, tanto aqueles que queiran empezar desde cero como outros que xa estean empregando o libro dixital e desexen amplialo a outra etapa educativa. No caso dos que se sumen ao proxecto na etapa de Secundaria, terán o compromiso de ir estendéndoo progresivamente ata completar os catro cursos.
Román Rodríguez explicou que, a día de hoxe, participan no E-Dixgal a metade dos centros públicos que imparten Primaria e Secundaria. “Coas novas medidas desta convocatoria –afirmou– queremos que o próximo curso a metade do alumnado entre 5º de Primaria e 4º de ESO dos centros públicos conte con libro dixital e equipamento informático ao abeiro deste programa”.
Así mesmo, o conselleiro salientou que con estas novidades se ofrece, por primeira vez, a posibilidade de que un alumno galego estude con libro dixital durante seis cursos consecutivos.
Edudixital 2030
Román Rodríguez enmarcou esta medida “no pulo que imos dar á dixitalización e a dotación tecnolóxica do ensino coa nova estratexia Edudixital 2030”, unha folla de ruta que vai integrar equipamentos, contidos e adquisición de competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), e que incorporará a Intelixencia Artificial para todos os niveis educativos, así como o deseño de estratexias docentes ou a introdución de novas técnicas pedagóxicas. “En definitiva, un salto cualitativo na transformación do ensino cara o dixital”, resumiu o conselleiro.
Cinco piares fundamentais
Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, destacou que o proceso de transformación dixital do ámbito educativo susténtase en cinco piares fundamentais.
En primeiro lugar, as infraestrutura e equipamentos necesarios no centros. Por outra banda, referiuse ao desenvolvemento de plataformas e ferramentas de colaboración educativa. En terceiro lugar, a dotación de contidos dixitais, mediante acordos con empresas especializadas e editoriais. Neste aspecto, a directora da AMTEGA salientou o desenvolvemento de contidos innovadores específicos no espazo Dixit. Este proxecto lévase a cabo nun esquema de colaboración entre o sector tecnolóxico e grupos de traballo formados por docentes de Galicia. En cuarto lugar estaría o soporte técnico a docentes e alumnos. O último piar do é a formación do profesorado, que terá un novo pulo no desenvolvemento do marco galego de competencias dixitais.
Mar Pereira lembrou que a Xunta ten como obxectivo para a extensión do Libro Dixital (E-Dixgal) nos vindeiros tres anos chegar ao 70 por cento do alumnado entre 5º de Primaria e 4º da ESO.