O conselleiro de Educación comproba as instalacións do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e de Oímbra, ambos en Ourense
Ambos centros contarán desde este curso con aulas dixitais compostas por un ordenador portátil, un encerado dixital e proxector
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, estivo hoxe pola mañá o CEIP plurilingüe Irmáns Villar de Ourense, e o de Oímbra, na mesma provincia. Ambas visitas foron aproveitadas polo titular de educación da Xunta para comprobar a situación dos dous centros educativos.
Deste xeito a primeira hora da maña o conselleiro percorreu as instalación do CEIP de Oímbra xunto ao director do mesmo Iván Martínez García, e a xefa territorial de educación, Marisol Díaz Mouteira, así como parte do equipo directivo. O centro, no que estudan máis de corenta alumnas e alumnos, leva percibidos máis de dez mil euros en axudas para a mellora da biblioteca escolar que desde o presente curso pertence ao PLAMBE.
Ademais conta cun programa de lingua e cultura portuguesa, posto en marcha desde hai máis de dez anos en colexios das provincias de Ourense e Pontevedra en centros cun importante número de estudantes de infantil e primaria de orixe portugués. Este programa ten como obxectivo que as nenas e nenos que participan teñan un coñecemento sobre a lingua e a cultura lusa. Cómpre sinalar que os estudantes asisten ás clases deste programa reciben a autorización dos pais e so esta destinada aos dos ciclos de infantil e primaria.
Aulas dixitais
Este curso o CEIP de Oímbra terá unha aula dixital composta por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e proxector. Unha instalación que recibiran grazas a un acordo acadado entre a Consellería de Educación, Secretaría Xeral de Modernización e a entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria. Grazas a dito acordo neste curso repartiranse máis de 600 equipos en centros educativos galegos, priorizando os de infantil e primaria que nestes momentos conten cun menor equipamento das características antes nomeadas e aqueles que asinen contratos programa.
Irmáns Villar
Posteriormente o conselleiro desprazouse a Ourense onde visitou ao CEIP Plurilingüe Irmáns Villar. Xunto ao director Eduardo Babarro, e a parte do equipo directivo comprobou o estado ao que asisten preto de 400 estudantes. Cómpre sinalar que o centro é plurilingüe e que este ano tamén incorporará dúas aulas dixitais, procedentes do convenio citado anteriormente.
En ambas visitas o conselleiro estivo acompañado pola xefa territorial de Educación en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e as respectivas inspectoras. Todos eles deron conta do estado das instalacións nas que a Consellería leva investidos, na presente lexislatura, máis de 67.000 euros en obras de mellora cos que se realizou a reposición de carpintaría, dos aseos infantil ou dos cerramentos dos centros, entre outras accións.
Durante ambas visitas Vázquez Abad estivo a recordar que a Consellería ven de traballar a prol da calidade educativa, unha calidade que, tal e como destacou, é posible grazas á profesionalidade do conxunto dos docentes do ensino público galego, sen os cales non sería posible formar dun xeito adecuado as vindeiras xeracións.