O DOG publica a normativa de revisión de cualificacións en todas as etapas educativas cun procedemento estable

Este procedemento regrado será de aplicación tamén para ESO e Bacharelato, que ata o de agora se rexía a través dunha resolución para cada curso académico

Xov, 11/03/2021 - 13:52

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de publicar a normativa que fixa, con carácter estable, o procedemento de reclamación de cualificacións e decisións de promoción e titulación para todas as etapas educativas.

A partir de agora estes procedementos rexeranse pola orde específica que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, a cal establece as garantías para unha avaliación do alumnado conforme a criterios públicos e obxectivos, e cun procedemento regrado de reclamación das cualificacións, promocións e titulación. Ata o de agora as etapas de ESO e Bacharelato establecíase mediante unha resolución para cada curso académico.

Avánzase así na transparencia de avaliación e dótase dunha maior seguridade aos alumnos, ás familias e aos docentes, ao tempo que se facilita o traballo das direccións dos centros docentes e das xefaturas territoriais.

Criterios públicos por parte dos centros

Precisamente en aras da máxima obxectividade, os centros escolares deberán incorporar nas súas normas de organización e funcionamento interno o regulamento dos procedementos, prazos e canles de comunicación cos alumnos ou as súas familias para atender as incidencias que puidesen xurdir no proceso de avaliación da aprendizaxe e exercer o dereito de reclamación ante as cualificacións ou as decisións de promoción e titulación.

Así mesmo, deberán facer públicos os criterios xerais de avaliación, promoción e titulación que a Comisión de coordinación pedagóxica e o equipo docente establezan respectivamente nas propostas curriculares e nas programacións didácticas.

Ademais, deberán garantir unha comunicación fluída cos proxenitores ou representantes legais dos alumnos, que poderán solicitar cantas aclaracións consideren oportunas, aínda que a reclamación formal deberase cinguir unicamente ás cualificacións finais.

A orde publicada hoxe recolle de forma exhaustiva os pasos a seguir así como os prazos para todas as etapas educativas.

Non obstante, no caso de 2º curso de Bacharelato, ao ser un curso terminal que posibilita iniciar estudos superiores a través dunha proba de acceso, co fin de axilizar as revisión das reclamacións con tempo suficiente para que o alumno coñeza a súa situación académica antes do inicio da proba, desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ditaranse instrucións específicas para cada curso académico, nas que se establecerá o procedemento e prazos a seguir.