As oposicións de Educación desenvolveranse en arredor de 16 localidades diferentes nas catro provincias
Os primeiros concellos confirmados, ademais das sete cidades, son Oleiros, Viveiro, Lalín, Vilagarcía e O Carballiño
A Xunta coordinará coas tres universidades galegas a cesión de espazos para o desenvolvemento das probas
O obxectivo é garantir a seguridade sanitaria nunhas probas que mobilizarán a máis de 30.000 persoas entre opositores e tribunais
Elimínase o acto de presentación dos opositores e non será necesario que os interinos se presenten ao procedemento selectivo
As oposicións de Educación, con 3.894 prazas tras a ampliación da oferta pública de emprego no corpo de profesores técnicos de FP, celebraranse en arredor de 16 localidades diferentes, con sedes nas catro provincias. Así llo anunciou hoxe o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez Bértolo, ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial Docente non Universitaria.
Os lugares aínda se están a perfilar, aínda que algunhas destas sedes periféricas serán Oleiros, Viveiro, Lalín, Vilagarcía e O Carballiño. Ademais, a Xunta coordinará coas tres universidades galegas a cesión de espazos destas institucións académicas para o desenvolvemento das probas, principalmente nas cidades.
O obxectivo é evitar as aglomeracións nunhas probas nas que están inscritas 26.744 persoas, un 50% máis quen 2019, cando se presentaron 17.814. Ademais, e tamén co fin de garantir a garantía sanitaria nas probas, a Xunta de Galicia tomou a decisión de realizar os exames de forma escalonada e de duplicar os tribunais.
Instrucións con antelación no web
Así mesmo, e tendo en conta o inicio escalonado das probas, este ano elimínase a tradicional presentación que cada opositor debía realizar na primeira xornada antes dos exames para recibir as instrucións dos tribunais. Estas instrucións estarán dispoñibles na páxina web coa debida antelación.
Ademais, non será necesario que os interinos se presenten ao procedemento selectivo para manter os seus dereitos na relación de persoas para prestar servizos como interinos ou substitutos.
Por outra parte, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que as oposicións de Educación terán un protocolo propio de seguridade sanitario, en liña coas oposición da Xunta, aínda que adaptado ás particularidades destas probas.
Dobre de tribunais
As oposicións serán desenvolveranse con 359 tribunais, máis do dobre ca en 2019, o que suporá mobilizar a máis de 3.500 profesores entre titulares e suplentes. Deste xeito, redúcese de forma significativa o número de persoas opositoras por tribunal, en concreto nun terzo (32%): de 109 no ano 2019 a 74 este ano.
A primeira fase das probas desenvolverase do 19 ao 25 de xuño de xeito escalonado para evitar a concorrencia dun elevado número de persoas nun mesmo lugar. Os tribunais, a través da web da Consellería, comunicarán a data de realización da proba, a hora e o lugar. A realización da parte práctica da proba, cuxa data é fixada por cada tribunal, ten como data límite o 23 de xullo.
*Xúntase anexo co desglose de prazas por especialidades