O prazo de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso abre este luns ata o 22 de marzo
Este procedemento vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como aos de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que desexen cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles
Os trámites poden realizarse vía telemática na aplicación informática creada para tal fin: https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado
Desde mañá luns, 1 de marzo, e ata o 22 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2021/22, para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, de Educación Primaria de ESO e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.
As solicitudes de admisión poderán presentarse a partir do día 1, tanto de xeito telemático na aplicación ‘AdmisionAlumnado’ (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) como de xeito presencial nos centros escolares que se elixan como primeira opción, prazo que permanecerá aberto ata o 22 de marzo.
A publicación das listas provisionais de persoas admitidas e non admitidas publicaránse antes do 25 de abril, e as definitivas antes do 15 de maio. Posteriormente abrirase o prazo de fomalización de matrícula, que será do 20 ao 30 de xuño para alumnado de Infantil e Primaria, e do 25 de xuño ao 10 de xullo para o de ESO e Bacharelato. Estes últimos contarán, ademais, cun prazo extraordinario de matrícula entre o 1 e o 10 de setembro.
A ferramenta informática de admisión posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación. Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.
Sorteo de letra
Tal como quedou establecido no sorteo público que tivo lugar o pasado xoves na Consellería de Educación, en caso de empate de puntos para unha mesma praza, as letras de prioridade establecidas neste sorteo foron “W” e “S” para o primeiro apelido e “B” e “F” para o segundo.
O calendario de admisión e matrícula réxese pola Orde do 12 de marzo de 2013 modificada pola Orde de 18 de decembro de 2020, pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado, que estableceu o arranque do procedemento de admisión o pasado xaneiro unicamente para o alumnado que remataba etapa nun centro escolar e tiña que pedir praza nun centro adscrito (o que lle corresponde ao cambiar de etapa). Agora ábrese o prazo para o resto do alumnado, é dicir, o que entra por primeira vez no sistema ou desexa cambiar de centro no próximo curso.