A Xunta convoca as probas de acceso a ciclos de FP de grao medio e de grao superior
Deste xeito favorécese que as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos poidan cursar estas ensinanzas
A Xunta de Galicia acaba de convocar probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2021, como así se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo é permitir cursar estas ensinanzas ás persoas que non posúan as titulacións esixidas para o acceso, isto é, o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou un título profesional básico (ou equivalentes) para os ciclos de grao medio; e, no caso dos de grao superior, o título de bacharelato ou un título de técnico de formación profesional (ou equivalentes).
Deste xeito a Consellería de Cultura, Educación e Universidade facilita e impulsa que as persoas continúen formándose para acadar unhas mellores condicións para o acceso ao mercado laboral.
En ambos casos as solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, dispoñible na aplicación informática Ciclosprobas (desde a sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderán presentar na secretaría de calquera centro docente público da Consellería que imparta FP este curso.
Grao medio
Poderán participar na proba de acceso a ciclos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan 17 anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre os días 15 e 26 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.
O exame constará dunha parte sociolingüística, con probas de Lingua castelá, Lingua galega e Ciencias sociais; dunha parte matemática, con contidos desta materia; e doutra científico-técnica, con probas de Ciencias da natureza e Tecnoloxía. As probas desenvolveranse o día 27 de maio de 2021.
Grao superior
No caso das probas de acceso a ciclos de grao superior, poderán participar as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan 19 anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre os días 18 de febreiro e 3 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.
A proba estará composta por unha parte común, sobre as materias de Lingua galega, Lingua castelá e Matemáticas, e outra específica. Esta segunda parte organizarase con base en tres opcións, A, B e C, en función das familias profesionais e os ciclos formativos aos que posibilita o acceso, das que cada aspirante deberá elixir unha no momento de formalizar a solicitude de inscrición e escoller dúas das tres materias das que desexe que se lle examine.
Na opción A as materias obxecto de exame serán Economía da empresa, Lingua estranxeira (inglés ou francés) e Filosofía; na opción B serán Debuxo técnico, Tecnoloxía industrial e Física; mentres que na C os contidos a avaliar serán das materias Ciencias da Terra e ambientais, Química e Bioloxía. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 15 de abril de 2021.