Os IES A Cachada (Boiro) e Monte Neme (Carballo) e o conservatorio Xan Viaño de Ferrol gañan o concurso de curtas 'Senda dos Faros'
O certame escolar, promovido pola Xunta, o Festival de Cans e EDPR, pon en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe da costa galega a través do audiovisual
As pezas gañadoras poden verse xa en www.lingua.gal
A Xunta de Galicia vén de facer públicos os premios do concurso de curtas Senda dos Faros, o certame escolar que naceu co obxectivo de poñer en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe da costa galega a través do audiovisual, e cuxo primeiro premio desta edición foi para o IES Plurilingüe A Cachada (Boiro)co proxecto Sálvora.
Este proxecto é unha reflexión dunha rapaza sobre o cambio climático, a relación entre a pandemia e o descoido da natureza por parte da humanidade e a despreocupación que sinte da sociedade cara estes feitos. A protagonista lanza unha mensaxe de esperanza nunha botella desde a costa da illa para atopar persoas que, emulando ás Heroínas de Sálvora, se decidan a dar un paso adiante para a salvación do planeta, considerando que aínda non é tarde para actuar.
Pola súa parte, o IES Monte Neme de Carballo alzouse co segundo premio coa iniciativa Senda dos Faros. De naufraxios, faros e lendas: do Cemiterio dos ingleses a Camariñas, un proxecto centrado nos mitos e lendas arredor da Costa da Morte, alimentados polos numerosos naufraxios sucedidos nas súas augas. O afundimento do buque escola inglés Serpent, cuxos 175 tripulantes falecidos descansan e dan nome ao Cemiterio dos Ingleses, é un dos feitos narrados.
Finalmente, o terceiro premio foi para o CMUS Xan Viaño de Ferrol, cun proxecto denominado A melodía do faro, a historia dun fareiro de Cabo Prior namorado da música, con interpretación do propio alumnado do centro.
Poñer en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe desde o ensino
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsou a iniciativa escolar Senda dos Faros no curso 2019-2020 cos obxectivos de promover o valor lingüístico, patrimonial e paisaxístico da costa galega ao longo do máis de medio cento de etapas que configuran o itinerario turístico, desde Tapia de Casariego (Asturias) ata Vila Nova de Cerveira (Portugal), para alén das etapas insulares de Ons, Cíes e Sálvora.
Nel contou coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-Agader, do Instituto de Estudos do Territorio (IET) e do Festival de Cans, co patrocinio da portuguesa Fundación Enerxías de Portugal Renovables (EDPR).
Destinado ao alumnado dos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparten ensinanzas de educación secundaria (ESO, bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio) e ensinanzas especiais de grao medio, contou coa colaboración de 18 centros educativos que presentaron 24 curtas dun máximo de cinco minutos de duración, segundo o establecido nas bases da convocatoria.
Os proxectos gañadores –accesibles en www.lingua.gal; recibirán respectivamente 1000 €, 600 € e 400 € para mercar material audiovisual ou literario en lingua galega; cadansúa figura representativa do galardón e diplomas acreditativos. A resolución feita pública pode consultarse no Portal da Lingua Galega e no Portal Educativo.