A Xunta colabora cos reitores e a CIUG na coordinación das directrices para garantir a seguridade da ABAU en Galicia
O conselleiro de Educación mantivo unha xuntanza de traballo cos tres reitores e os representantes da Comisión Interuniversitaria de Galicia
A Comisión traballa no borrador que recolle as normas de prevención sanitaria que rexerán nas probas de acceso á Universidade, e que seguirán a liña marcada xa o pasado ano
Román Rodríguez fixo fincapé en que é imprescindible acadar a máxima coordinación para que o proceso se desenvolva con normalidade dentro do contexto covid e, deste xeito, xerar tranquilidade entre os estudantes
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá de xeito telemático cos reitores das tres universidades galegas e os representantes da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), no marco da planificación das medidas de seguridade das probas da ABAU, que en Galicia está previsto que teñan lugar en convocatoria ordinaria os vindeiros 8, 9 e 10 de xuño.
A reunión serviu para coñecer de primeira man o borrador de protocolo de seguridade da ABAU que deseña a CIUG, así como para facer as achegas oportunas ao documento final no que se recollerán as normas que rexerán para garantir a total seguridade das probas de acceso á universidade, e que seguen as liñas que xa foran establecidas o pasado ano.
Tanto o conselleiro coma os reitores e os representantes da CIUG coincidiron en sinalar que é necesario implementar todas as medidas para garantir ao máximo a seguridade sanitaria do conxunto das persoas que interveñen no proceso. Todos eles puxeron en valor a experiencia previa do ano pasado, que se desenvolveu con absoluta normalidade, pese á falta de experiencia previa sobre un contexto de pandemia coma o que estamos a vivir. Para iso é clave contar cunha planificación e unha estratexia clara deseñada con suficiente antelación, como é a que se está perfilando nestes momentos.
Neste senso, as directrices para este ano, seguirán a liña do curso pasado, expresou Román Rodríguez, que loou o importante traballo levado a cabo polos membros da CIUG para que a ABAU se desenvolva coa máxima normalidade dentro do contexto covid. O consellerio fixo fincapé na necesaria colaboración e coordinación entre todas as partes, “xa que dispoñer dunhas pautas obxectivas e claras vai xerar tranquilidade e certezas entre os estudantes que se enfrontan a estas probas, nun momento decisivo desde o punto de vista académico”.