A Xunta convoca as axudas posdoutorais que consolidan a carreira científica do persoal investigador en Galicia
O Goberno galego destina preto de 2,5 M€ (un 14,3% máis que na anterior convocatoria) a financiar os contratos da modalidade B, para establecemento dunha liña de investigación propia, de tal xeito que queda blindada a continuidade dos investigadores en convocatorias anteriores
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá o ata o 22 de febreiro
Os seleccionados recibirán 49.000 euros anuais durante os dous anos que dura o contrato, exactamente a mesma dotación económica da última convocatoria
Esta convocatoria forma parte dos programas de apoio posdoutoral e predoutoral, a de maior envergadura feita pola comunidade autónoma ata o momento, cunha partida de 18 millóns de euros para 175 novos contratos
A Xunta de Galicia vén de convocar a través do Diario Oficial de Galicia as axudas á etapa posdoutoral da modalidade B (establecemento e consolidación dunha liña de investigación propia) dirixidas a persoal investigador en organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego.
Trátase dunha convocatoria conxunta entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotada con preto de 2,5 millóns de euros para 24 contratos, o que supón un reforzo orzamentario do 14,3% e tres contratos máis con respecto á ultima convocatoria. A nova convocatoria foi acordada coas tres universidades.
Estes contratos −cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 22 de febreiro− forman parte dos programas de apoio á formación predoutoral e posdoutoral do Goberno Galego, que este ano acadan un importe de 17,65 millóns de euros (un 5% de crecemento) e un total de 175 contratos, o que supón a convocatoria de maior envergadura −tanto a nivel de orzamento como de prazas− realizada ata o de agora en Galicia para estes dous programas.
Mantéñense os salarios para os tres anos de contrato
Estas axudas da modalidade B posdoutoral consisten nun contrato de dous anos de duración e unha axuda complementaria co fin de dar continuidade á carreira investigadora destas persoas, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.
Poderanse conceder ata 24 axudas (20 para as universidades do Sistema Universitario Galego e catro no resto de entidades beneficiarias) de dous anos, por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas, exactamente a mesma contía establecida na última convocatoria destes contratos.
O importe das axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar, ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.
A convocatoria está dirixida ao persoal doutor investigador beneficiario dunha axuda posdoutoral na modalidade A da convocatoria de 2017 e que non renunciaran ao contrato; que estiveran contratados a través da modalidade A da convocatoria de 2016, finalizaran o seu contrato con posterioridade ao 31 de xullo de 2019 e obtiveran unha avaliación positiva; ou que tiveran un contrato posdoutoral por parte do Gain nas entidades establecidas e que non renunciaran a dita axuda, entre outros requisitos establecidos na convocatoria.