Trinta e oito estudantes de ensinanzas artísticas superiores benefícianse das axudas da Xunta para o programa Erasmus+
O Goberno galego destina 40.000 euros a esta convocatoria complementaria
Puideron acceder a elas todos os que tiveron dereito ás axudas europeas
Un total de 38 estudantes de ensinanzas artísticas superiores benefícianse das axudas complementarias da Xunta de Galicia ás achegadas pola Unión Europea no marco á mobilidade do Programa comunitario Erasmus+. As bolsas van dirixidas ás alumnas e alumnos que participaron neste programa de mobilidade no curso 2019/2020.
O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas, ás que puideron acceder todos os estudantes galegos que tivesen dereito ás axudas europeas, e para as que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou un orzamento total de 40.000 euros.
A duración das axudas e a súa contía mantense, de forma que os beneficiados perciben bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses. En concreto, o importe é de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido, Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos, Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia, Turquía).
Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países, o orzamento restante dispoñible, adxudicouse entre os solicitantes que posuían unha maior media no seu expediente académico e asignóuselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.
Deste xeito, o importe mínimo da axuda concedida é de 330 euros e o máximo de 1.985 euros. Un total de nove persoas accederon á contía adicional de 500 euros, adxudicándoselle tamén á décima persoa solicitante con maior media unha contía adicional ata esgotar o orzamento (contía neste último caso inferior a 500 euros).