A Xunta destina preto de 900.000€ á convocatoria das axudas complementarias do programa Erasmus+
Todos os estudantes universitarios galegos con axudas europeas no marco desta iniciativa tamén poderán solicitar a bolsa complementaria autonómica
Van desde os 125 €/mes ata os 195 €/mes en función dos países de destino
O prazo de presentación estará aberto ata o 15 de febreiro
A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+, para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que participa neste programa no curso 2020/2021. O orzamento, que ascende a 891.000€, permitirá que todos os estudantes galegos que tiveran dereito ás axudas europeas poidan ter acceso tamén ás axudas complementarias autonómicas.
Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Estas bolsas apoian os estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.
A duración das axudas e a súa contía pode ser de 125 euros/mes, 165 euros/mes ou 195 euros/mes, en función dos países de destino. Cómpre lembrar que a convocatoria galega contempla axudas para estancias de ata nove meses.
Máis de 1000 beneficiados en 2020
A solicitude da axuda deberá realizarse exclusivamente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta. O prazo para tramitar as solicitudes estará aberto desde mañá ata o día 15 de febreiro. No curso 2019/20 beneficiáronse destas bolsas un total de 1.117 estudantes.
Os universitarios beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os tres e os nove meses. En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido e Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos e Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia e Turquía).
Así mesmo, no caso de existir remanente de crédito no Programa Erasmus+, adxudicarase entre as persoas solicitantes que posúan unha nota media igual ou superior a sete puntos unha contía uniforme de 500 euros, comezando desde os expedientes con maior nota media.
Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2020/21 en calquera das universidades públicas do SUG, para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao; e participar no devandito programa de mobilidade universitaria, sendo tamén beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe, nin aqueles que non se despracen ao país de destino recibindo a formación virtual en Galicia.