A Xunta distingue a 74 estudantes universitarios cos Premios Extraordinarios Fin de Carreira

O galardón, dotado con ata 3.500 euros por premiado, é un recoñecemento á súa excelente traxectoria académica

Dos premiados, o 66% son mulleres

Mar, 05/01/2021 - 12:19
i

A Xunta de Galicia vén de conceder os premios extraordinarios Fin de Carreira a 74 estudantes que remataron os seus estudos universitarios no curso 2018-19 nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), 49 dos cales son mulleres (o 66%) e os outros 25 son homes. Por universidades, 30 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela (USC), outros 27 a Universidade de Vigo (UVigo) e 17 á Universidade da Coruña (UDC).

Con este galardóns a Consellería de Cultura, Educación e Universidade recoñece as mellores traxectorias académicas do alumnado universitario galego, o seu traballo, esforzo e excelencia. Para tal fin, o departamento de Educación destina un orzamento de 339.500 euros. Cada un dos galardoados acada un premio de ata un máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Estes premios están dirixidos ao alumnado universitario que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Ao igual que o ano pasado, o número de premios está determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Deste xeito, aquelas titulacións con ata 199 persoas egresadas optan a un premio; as que teñen entre 200 e 299 a dous; entre 300 e 399 a tres; entre 400 e 499 a catro; e as que teñen 500 ou mais a cinco premios.

Por titulacións, a de Administración e Dirección de Empresas acapara o maior número de premiados (con cinco persoas galardoadas), seguida de Educación Primaria (tamén con cinco), e de Dereito (con catro), Educación Infantil (con catro) e Enfermaría (con catro).

O listado de galardoados pode consultarse no Portal Educativo e proximamente sairá publicado no Diario Oficial de Galicia.