A Xunta licita por preto de 800.000 € a mellora das instalacións no CEIP de Curtis, no IES Primeiro de Marzo de Baiona e no IES Torrente Ballester de Pontevedra
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar a contratación das obras, que terán un prazo de execución de dous meses
A Xunta de Galicia vai investir preto de 800.000 euros en varias obras de mellora tanto enerxética como funcional no CEIP de Curtis, no IES Primeiro de Marzo de Baiona e no IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, o que incidirá nunha mellor ventilación destes tres centros educativos de acordo co protocolo covid. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar a licitación destas tres obras de forma conxunta a través do portal Contratos de Galicia, todas elas cun prazo de execución de dous meses.
CEIP de Curtis
Cun orzamento de licitación de 236.379,89 euros, no CEIP de Curtis as actuacións consisten na substitución de carpinterías exteriores para mellorar as condicións e ventilación, así como instalación de radiadores en aseos e a instalación de luminarias LED.
Así mesmo tamén se procederá á renovación de pavimento nas aulas do edificio principal e a realización de reformas interiores en despachos aseos e patio interior.
IES Primeiro de Marzo de Baiona
No IES Primeiro de Marzo de Baiona procederase á substitución das carpinterías exteriores do edificio principal, tanto en aulas como en talleres e despachos, por outras novas carpinterías de aluminio con rotura de ponte térmica.
Ademais, co obxecto de aumentar a superficie de ventilación dos ocos, as ventás a instalar terán apertura oscilobatente. E tamén se instalarán persianas enrollables de aluminio. O orzamento de licitación desta obra é de 292.790 euros
IES Torrente Ballester de Pontevedra
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar por un importe de 250.325,28 euros as obras de mellora das carpinterías no IES Torrente Ballester de Pontevedra.
A actuación consiste na renovación das carpinterías exteriores do instituto por outras novas con apertura oscilobatente que contribuirán á mellora da ventilación das aulas.
Todas estas obras responden ao obxectivo do Goberno galego de mellorar as infraestruturas e equipamentos escolares co obxectivo de acadar o máximo confort nas aulas, e para o cal o departamento educativo do Goberno autonómico ten programado obras por un importe de máis de 51 M€ en centros de toda Galicia.
Así, no marco do Plan de Reactivación do Sector Construción para a mellora dos Centros Educativos incrementouse en 30 millóns máis dos previstos inicialmente para este ano, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas.
Co novo investimento programáronse un total de 535 actuacións de obra e equipamento. As obras contemplan tanto rehabilitacións integrais e de mellora da eficiencia enerxética como ampliacións, traballos de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM) e rehabilitacións sectoriais (sobre as problemáticas máis comúns nos centros: cubertas, carpintarías exteriores, iluminación...), entre outras.