A Consellería de Educación fixa as pautas para a programación dos títulos de grao nas universidades galegas
As instrucións veñen a formalizar o procedemento polo que se establece a oferta para cada unha destas titulacións
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, vén de publicar as Instrucións sobre a Determinación da Oferta de Prazas nas Titulacións Oficiais de Grao nas Universidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG), a través das que fixa as pautas para a programación destes títulos.
Desta forma, formalízanse os Criterios para o establecemento de prazas adoptados no seu día pola Conferencia General de Política Universitaria.
Con estas instrucións a Consellería de Educación volve dar mostra da súa aposta polo Sistema Universitario de Galicia, fomentando a racionalización, co fin de acadar unha oferta racional e diversa, cos maiores niveis de calidade.
Procedemento
Segundo o establecido nas instrucións, as universidades deberán remitir no mes de marzo á Consellería a proposta de prazas máximas a ofertar para cada unha das súas titulacións de grao para o seguinte curso académico, co fin de proceder á súa análise e aprobación, previa á súa presentación na Conferencia General de Política Universitaria, órgano no que se producirá a aprobación final.
Desta forma, as universidades fixarán un número máximo de prazas de novo ingreso para cada unha das titulacións de grao que oferten, tendo en conta o compromiso reflectido na memoria do título que obtivo a verificación do Consejo de Universidades.
As universidades poderán propoñer un incremento no número de prazas de novo ingreso respecto das ofertadas no curso anterior, sempre e cando xustifique contar con medios humanos e materiais precisos para atender axeitadamente o devandito incremento.
No caso de propoñer unha diminución do número de prazas ofertado, as universidades poderán facelo ata un máximo do 5%. Cando unha universidade propoña unha redución superior ao 5%, deberá ser suficientemente motivada, ben por causas de carácter excepcional e temporal, ben porque a matrícula tivera sido claramente inferior á oferta nos dous cursos anteriores.
Unha vez recibidas as propostas das universidades do SUG, a Consellería de Educación comprobará que se axustan aos criterios recollidos nas instrucións, antes de autorizalas elevalas á Conferencia General de Política Universitaria. No caso contrario, requirirase á universidade que facilite, no prazo de 10 días, as aclaracións ou motivacións pertinentes para a xustificación da oferta proposta.