O conselleiro de Educación visita as instalacións do CEIP Curros Enríquez, na Coruña

Xesús Vázquez percorreu as instalacións nas que a Consellería vén de investir máis de 160.000 euros

Ven, 30/09/2011 - 11:29
Xesús Vázquez na súa visita ao CEIP Curros Enríquez
Xesús Vázquez na súa visita ao CEIP Curros Enríquez

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá as instalacións do CEIP Curros Enríquez, na Coruña.

Acompañado polo director do centro, José Ramón Mouriño Méndez;o director xeral de Educación, José Luis Mira; a xefa territorial de educación na Coruña, María Teresa Villaverde; o presidente da Federación Provincial de Asociacións de Pais e Nais de Centros Públicos da Coruña,Virixilio Gantes; así como a comunidade educativa do centro. Todos eles deron conta das instalacións do colexio no que a Consellería vén de investir máis de 160.000 euros na mellora das fachadas, cornixas, na pintura, e na adecuación do sistema eléctrico.

No CEIP, estudan na actualidade 82 alumnas e alumnos de educación infantil e 149 de primaria, e desde este ano conta cunha aula máis da primeira etapa dando resposta as necesidades do centro, que no presente curso escolar incrementou o número de matriculados en máis de vinte nenos respecto do ano pasado.

Durante a súa visita, o conselleiro recordou que “a reorganización horaria realizada pola Consellería da conta do traballo desenvolvido pola administración a prol da calidade educativa, xa que a mesma permitira que os mestres teñen 60.000 horas semanais máis para a atencións dos escolares”, e recordou que “estas horas permitiran atender aos nenos e nenas con máis necesidades ou dificultades de aprendizaxe”.

Melloras en centros

Con este tipo de accións a Consellería persegue a calidade no sistema educativo galego. Así, con visitas como esta o conselleiro segue a dar conta do seu interese pola situación dos centros de forma particular escoitando as necesidades que cada un dos deles teñen, achegándose deste xeito a realidade que se está a vivir nos colexios ou institutos. Ao mesmo tempo comproba o estado das instalacións educativas da provincia.