A Xunta convocará unha nova oferta de emprego público para contrarrestar os efectos da Lei Celáa sobre o corpo de profesores técnicos de FP
O conselleiro Román Rodríguez anunciou que se abrirán 240 prazas para permitir a incorporación de profesionais especialistas a un corpo que está previsto que desapareza na LOMLOE
Esta nova oferta de emprego público ten como obxectivo estabilizar o persoal interino que vén prestando servizos, ao tempo que garantir profesorado suficiente na FP galega nos próximos cursos
A Xunta convocará nos primeiros días de 2021 unha nova oferta de emprego público, con 240 prazas, para contrarrestar os efectos da Lei Celaá sobre o corpo de profesores técnicos de Formación Profesional, corpo que está previsto que desapareza na nova lei. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita ao CIFP Compostela. Estas novas prazas incrementarán as 336 xa convocadas na OPE de 2020, sumando un total de 576 prazas convocadas neste corpo.
O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que esta nova oferta de emprego foi acordada onte coas organizacións sindicais Comisións Obreiras (CC.OO), Asociación Nacional de Profesionais do Ensino (ANPE Galicia), Unión Xeral de Traballadores (FeSP-UG) e Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), na reunión da Comisión de Seguimento do Acordo de Interinos. A próxima semana reunirase a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria para afondar nesta proposta.
Tal e como explicou o conselleiro, o obxectivo é permitir a incorporación de profesionais especialistas a este corpo. Neste sentido, explicou que a extinción do mesmo prevista a partir da entrada en vigor da LOMLOE, “suporá un problema para as ensinanzas de FP e redundará nunha maior inestabilidade laboral para os seus docentes”. A oferta de emprego público da Xunta, pola contra, contribuirá a estabilizar o persoal interino que vén prestando servizos, ao tempo que a garantir profesorado suficiente na FP galega nos próximos cursos.
Taxa de reposición
Serán en total 240 as prazas que se convoquen, o máximo permitido ao elevar o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2021 (na súa disposición adicional vixésimo terceira) a taxa de reposición das prazas que, estando dotadas orzamentariamente, estiveran ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016. Ata o momento, esta taxa de reposición estaba limitada ao 90%, motivo polo que estas prazas non se incluíron na OPE de Educación de 2020 que é, con 3.654 prazas, a máis ampla da historia.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade aprobará esta oferta pública de emprego antes da entrada en vigor da LOMLOE, precisamente para evitar os efectos perversos desta lei sobre o corpo concreto de profesores técnicos de FP. Esta nova oferta afectará a todas as especialidades convocadas e implicará unha nova apertura do prazo de solicitudes para participar no procedemento selectivo, unicamente nas especialidades deste corpo de profesores técnicos de formación profesional.
A convocatoria publicarase nos primeiros días de 2021, aínda que lle será de aplicación a mesma normativa que á OPE de 2020, é dicir, a recollida na orde do 24 de febreiro de 2020 (DOG do 13 de marzo) pola que se convocan procedementos selectivos de acceso e ingreso a distintos corpos docentes.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia comprometeu xa unha Oferta Pública de Emprego (OPE) no eido educativo de 1.500 prazas que, sumadas ás 3.600 xa convocadas, suman máis de 5.000 prazas xa comprometidas para os anos 2021 e 2022.