Máis de 900 centros educativos públicos contan con plans de formación permanente de profesorado co apoio da Xunta
Isto supón máis do 75% do total dos centros galegos
A finalidade é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución da convocatoria dos centros públicos de Primaria, ESO e Bacharelato que van implantar Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) neste curso 20120/21, un total de 907 centros educativos públicos. Isto supón que neste momento contan con PFPP máis do 75% dos centros galegos e cada ano continúa incrementándose o número destes plans.
O obxectivo da Xunta de Galicia é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais, impulsando a súa aplicación e desenvolvemento na aula, e buscando a excelencia educativa e a mellora da calidade do ensino e dos resultados escolares do alumnado.
Segundo o centro que os asesora no desenvolvemento dos PFPP, ben sexa o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) ou os Centros de Formación e Recursos (CFR), a distribución dos plans é a seguinte
PROVINCIA |
Centros con plans de continuidade |
Centros con plans novos |
CAFI |
59 |
54 |
CFR da Coruña |
85 |
57 |
CFR de Ferrol |
47 |
20 |
CFR de Lugo |
59 |
57 |
CFR de Ourense |
84 |
47 |
CFR de Pontevedra |
119 |
47 |
CFR de Vigo |
27 |
145 |
Total |
480 |
427 |
A relación completa de centros seleccionados pode consultarse na resolución, publicada no Portal educativo da Xunta de Galicia.
Tanto durante o proceso de solicitude como ao longo de todo o desenvolvemento do plan (cuxa duración oscila entre dous e catro cursos académicos), os centros reciben o apoio da rede de formación dependente do Consellería, a través dun asesor de formación asignado que guía este proceso e que se encarga de organizar as distintas xornadas de formación e de poñer en contacto os centros cos relatores que lles interesen.
A convocatoria artellouse arredor de 11 liñas de traballo, entre as que se sinalaron como prioritarias as de Integración didáctica das TIC. Traballo colaborativo en rede a través de espazos virtuais e de Deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial. Ademais destas liñas, os plans de formación poden abordar a planificación estratéxica das linguas no centro, a integración didáctica das TIC, a escola inclusiva e atención á diversidade, a convivencia escolar e clima da aula, a actualización científica e didáctica do profesorado, a mellora da xestión dos centros, a internacionalización dos centros educativos, a biblioteca escolar, as iniciativas formativas no ámbito STEM e a orientación vocacional e profesional.
Neste sentido cómpre sinalar que todos os centros educativos que desenvolven as convocatorias STEM impulsadas pola Xunta (EDixgal, Espazos Maker, STEMbach, Club de Ciencia...) teñen asociados un PFPP que se enmarca dentro da liña Iniciativas formativas no ámbito STEM.