Román Rodríguez advirte que a nova Lei educativa racha coa imparcialidade na designación dos inspectores educativos
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade reuniuse cos colectivos de inspectores para analizar os efectos do texto normativo neste corpo
Sinala que o texto abre a porta a que “poidan ser elixidos polo dirixente de turno” de xeito arbitrario en lugar de valorarse os coñecementos pedagóxicos demostrados a través dunha proba obxectiva vixente ata o de agora
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión cos colectivos dos inspectores educativos para avaliar o impacto da nova lei de Educación coñecida como Lei Celaá, neste colectivo, así como para escoitar as súas demandas nun contexto onde a súa carga de traballo se veu incrementada de xeito considerable por mor da covid-19.
Román Rodríguez amosou a súa preocupación por un texto que considera que racha coa imparcialidade na designación dos inspectores educativos e, deste xeito, pretende exercer a conseguinte inxerencia e intromisión na toma de decisións do colectivo dos inspectores educativos, que son o nexo de comunicación entre os centros e a administración.
O conselleiro advirte que esta nova lei, que foi elaborada sen ter en conta ás comunidades autónomas, “sementa arbitrariedade e discrecionalidade” no nomeamento dos inspectores xa que elimina a fase de oposición no acceso ao corpo de inspectores e cambia as regras obxectivas por un sistema de “elección a dedo” que o que busca é “controlar, dirixir e manipular” o corpo dos inspectores, que exerce unha función fundamental no sistema educativo.
Segundo o texto que acaba de ser aprobado no Congreso, substitúese a proba obxectiva na que se valoraban os coñecementos pedagóxicos, da administración e sobre lexislación educativa que son determinantes para o desempeño da función inspectora, por unha simple valoración da capacidade de liderado e competencias que, en palabras de Román Rodríguez, “abre a porta á discrecionalidade e á subxectividade”. Ademais, introdúcese como novidade que as administracións poidan reservar ata un terzo das prazas para provisión mediante concurso de méritos, “dando lugar a que poida ser elixido polo dirixente de turno, algo inadmisible”.
Preservar a calidade do sistema
O titular de Educación subliñou que o Goberno galego vai seguir traballando para que, dentro da legalidade, o sistema educativo galego non se vexa afectado pola aplicación desta lei que, segundo reiterou, “ataca os piares básicos do noso sistema como son a calidade, a equidade, a igualdade de oportunidades e a cultura do esforzo”.
Precisamente a este respecto lembrou que a Xunta de Galicia xa puxo en marcha unha serie de mecanismos para preservar a calidade da educación, avalada por informes internacionais como Pisa. Así, a Consellería vén de aprobar unhas instrucións para corrixir en Galicia o decreto do aprobado xeral, así como o deseño dunha formación unha formación específica para os docentes que sexa necesario contratar sen máster, fronte á proposta do Ministerio, que decidiu non esixirlles nin unha mínima formación pedagóxica.