A Consellería de Educación ten contratado xa 414 interinos máis que o curso pasado

Ademais mantéñense 1.900 profesionais de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe - os mesmos que o ano pasado - que prestan atención aos nenos con necesidades educativas de atención específica

Desta forma a Consellería dá resposta á diversidade do alumnado galego, facendo un gran esforzo por poñer á súa disposición os recursos humanos que lle presten todo o apoio que precisa

Ven, 23/09/2011 - 19:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten contratado xa 414 docentes interinos máis que o ano pasado nas ensinanzas de educación primaria e secundaria, cubrindo así as necesidades que se presentaron nos centros de ensino desde principio deste curso 2011/2012.

Se xa ao inicio das clases o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad tiña contratado a 184 interinos máis dos que o foran no 2010/2011, desde eses primeiros días de curso escolar ata hoxe foron 230 os profesionais chamados pola Consellería para desempeñar a interinaxe.

Ademais a Consellería mantén o seu compromiso de, como xa vén facendo, seguir a cubrir as baixas e substitucións que se presenten ao longo do curso escolar, mantendo así a calidade do ensino público galego.

Atención específica

Doutra banda, cómpre lembrar que no curso escolar 2011-2012 haberá 1.900 especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL). Unha cifra que confirma que, a pesares da grave crise económica, os centros educativos galegos manterán o mesmo número de especialistas que o curso pasado.

Ademais, e grazas á reorganización do horario lectivo dos docentes de educación infantil, especial e primaria, estes especialistas disporán de máis horas destinadas á atención dos estudantes que máis o precisan.

Sesenta mil horas máis semanais

Desta forma a reorganización horaria permitirá que o sistema educativo galego dispoña de 60.000 horas semanais máis para atender ao alumnado con máis dificultades.

Deste xeito a Consellería demostra que continúa coa súa aposta pola calidade e á especial atención á diversidade do alumnado galego.