Román Rodríguez reúnese cos presidentes dos Consellos Sociais das universidades para comezar a planificar os retos de futuro
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos presidentes dos Consellos Sociais das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para abordar o desenvolvemento do curso escolar, escoitar as demandas, abrir vías de colaboración conxunta coa mirada posta na planificación dos retos de futuro. Trátase do primeiro encontro deste tipo entre o responsable do departamento e os representantes dos Consellos Sociais universitarios, órganos de participación da universidade na sociedade a través do impulso de proxectos vinculados co desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultura.
Na reunión, participaron Cecilia Sierra, presidenta do Consello Social da USC; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo e Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC e presidente nacional de Consellos Sociais. Tamén asistiu o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.