O conselleiro de Educación anuncia á comunidade educativa o proxecto do novo colexio de Vilalonga
Xesús Vázquez presentou hoxe o proxecto básico do novo CEIP en Sanxenxo
O novo centro contará con seis aulas de infantil e doce de primaria con capacidade para 450 estudantes
Ademais o conselleiro visitou os CEIP Cruceiro e Noalla Telleiro, ambos no concello pontevedrés
Vídeo coas declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe a redacción do proxecto básico do novo CEIP de Vilalonga, que da resposta ás necesidades que a inspección educativa ten previstas para Sanxenxo.
O anuncio foi realizado por Vázquez Abad durante a visita aos CEIP Cruceiro e Noalla- Telleiro, ambos situados no concello pontevedrés, onde explicou que “o novo centro terá capacidade para ata 450 estudantes, e contará con seis aulas de educación infantil e doce de primaria, ademais de aulas de desdobre, informática, música e psicomotricidades”, ao que engadiu que “tamén contará con espazos comúns, ximnasio, biblioteca, e zona de xogos, así como comedor”.
O conselleiro deu a coñecer a noticia durante a visita as instalacións do CEIP Cruceiro, que realizou acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Touris; e o xefe territorial na provincia, César Pérez Ares; e o director do centro, José Manuel Carlés Cristobo, e os membros do consello escolar. Cómpre sinalar que este centro ten matriculados máis de 275 estudantes de infantil e primaria e que conta con dez seccións bilingües en inglés, e cun auxiliar de conversa nativo neste idioma.
Durante o percorrido polo devandito colexio Vázquez Abad destacou tamén o compromiso do departamento que dirixe coa biblioteca deste centro, que forma parte do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares dende o ano 2006, grazas ao cal se beneficiou dunha axuda de preto de 24.000 euros, para o fomento da lectura entre o alumnado e a actualización da infraestrutura bibliotecaria.
CEIP Noalla- Telleiro
Posteriormente o conselleiro e o xefe territorial visitaron o CEIP de Noalla-Telleiro, en Sanxenxo, onde foron recibidos polo director, Miguel Ángel Meijón Couselo. Xuntos deron conta das instalacións nas que se atopan 134 alumnas e alumnos. Cómpre recordar que o centro gozou dunha inversión de máis de 4.400 euros para a súa biblioteca, tamén posúe unha sección bilingüe de inglés na clase de educación artística de 5º de primaria.
Con este tipo de visitas e actuacións a Consellería reafirma o seu compromiso constante coa comunidade educativa, dando resposta ás necesidades de profesores e alumnos para que afronten o curso coas máximas garantías.
No percorrido por ambos centros educativos o conselleiro sinalou que “a profesionalidade dos mestres e profesores é a clave para ter a seguridade de que as novas xeracións de alumnos reciben a mellor formación posible, tan só grazas a eles se pode aspirar a excelencia educativa do sistema de ensino público galego. Sen a súa dedicación e diaria, non poderíamos ofrecer a calidade educativa da que nos sentimos tan orgullosos”.